O Concello de Pontevedra vén de iniciar os trámites administrativos para a adxudicación do contrato para levar a cabo o proxecto construtivo do parque forestal periurbano da Fracha. Segundo explicou este luns a portavoz do goberno, Anabel Gulías, o pasado xoves tivo lugar a primeira mesa de contratación relativa a este proxecto, na que se procedeu á apertura de ofertas procedentes de quince empresas.
As empresas que se presentaron a esta contratación son Otero Forestal, Repoboación e Desbroces do Noroeste, SEANTO, Servitec Medioambiente, Zona de Obra O Rosal, Activa Parques y Jardines, Arines Obras y Proyectos, Calfensa Proyectos, Civis Globlal, Construcciones Caldevergazo, Construcciones E.C. Casas, Elsamex, Misturas, Narom, Naturgalia.
Este proxecto conta cun orzamento de contratación de 564.864 euros e cun prazo de execución de 12 meses. A área de actuación abrangue un total de 406 hectáreas nas parroquias de Marcón (110,72 hectáreas), Tomeza (36,88 hectáreas) e A Canicouva (258,40 hectáreas).
As actuacións máis salientables van encamiñadas a acadar unha revexetación forestal con especies forestais autóctonas, a creación de áreas de estancia e lúdicas, o tratamento antierosión do terreo, a recuperación ambiental das beiras dos ríos, e a recuperación, marcado e creación de sendas.
O proxecto construtivo do parque forestal periurbano da Fracha está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) "Máis Modelo Urbano Pontevedra".