Manuel Pérez Lourido naceu en Pontevedra, estudou en Pontevedra, sacou as oposicións en Pontevedra e "de Pontevedra non me saca ninguén", engade. A súa letra, ou mellor dito, o seu estilo narrativo, será coñecido dos lectores de PontevedraViva como articulista seu que é. A súa voz, seguramente para a maioría será nova ao escoitala nesta Playlist de PontevedraViva Radio. Ademais de profesor de Primaria e articulista; tamén escribe en verso. "Vértebras e lóstregos" foi o seu primeiro poemario editado, e está a piques de coñecerse o seguinte, esta vez en castelán.
Melómano declarado, as súas primeiras recompilacións musicais saían da radio. O seu primeiro vinilo comprouno sen ter tocadiscos. Logo comezou a coleccinar CDs, e co tempo seguiu indagando na música a través de internet. Desde o country rock, pasando pola new wave, o folk rock, o underground ó o indie...non é amigo de etiquetas, provocan prexuízos. Ben dito. Como tamén di, e di ben, que cada un ten o seu rumbo que descubrir e por tanto: cometer e aprender dos seus erros. Unha máxima que aplica como lección de vida para calquera fillo e para calquera pai. Uns e outros xa non son iguais aos que coñeceu a comezos do seu case trinta anos de exercicio da docencia.
Usa redes sociais, pero rexeita de plano ter que ser un escravo delas. Debeu ser cando trascendeu que Bob Dylan recibiría o Nobel cando máis movemento tivo a súa conta de Facebook, conta que lle chegaron infinidade de felicitacións. Por certo, que foi por televisión, nun programa de José María Iñigo, cando vió e escoitou por primeira vez a Dylan. Desde entón a hoxe o romance coa televisión acabou en divorcio, pero con Dylan segue acendida a chama.