Rafa Domínguez indica que o PP deu un paso "importante" para acadar a alcaldía dentro de catro anos

Pontevedra
28 de maio 2019

O presidente local do Partido Popular fixo balance dos resultados electorais e afirma que agora a xente xa sabe quen é o capitán e a contramestre do barco do PP municipal. Domínguez non aclarou se a súa agrupación vai absterse ou votará en contra da investidura de Miguel Anxo Fernández Lores

Pepa Pardo e Rafa Domínguez, na sede do PP local
Pepa Pardo e Rafa Domínguez, na sede do PP local / PontevedraViva

O presidente local do Partido Popular Rafa Domínguez analizaba este martes ante os medios de comunicación os resultados obtidos durante as últimas eleccións municipais, nas que o PP lograba nove concelleiros, dous máis que no anterior mandato.

Domínguez, acompañado pola número dous da súa candidatura  Pepa Pardo, lembrou que hai dez meses emprenderon un novo camiño no PP local cunha profunda reestruturación que se manterá e ampliarase nos próximos meses, segundo anunciou. 

O líder popular sinalou que levan estes dez meses traballando sen parar e en moitas ocasións en contra da adversidade. "Co vento en contra", afirmou ao referirse a como se enfrontaron ás enquisas e a comentarios en diversos ámbitos que non lles fixeron torcer o xesto. 

"Os resultados foron bos, ás claras, para o PP de Pontevedra", sinalaba para apuntar que melloraron os datos de hai catro anos en porcentaxe, do mesmo xeito que os das eleccións xerais e lograron o "significativo" resultado de reducir a diferenza co BNG de cinco a dous concelleiros. "Soubemos facer ver aos pontevedreses que hai unha alternativa a Lores neste momento", apuntou.

Destacou o traballo de  Pepa Pardo como xefa dunha campaña electoral, que foi de menos a máis. Domínguez recoñeceu tamén que os resultados foron mellores nas parroquias e en Monte Porreiro que no centro da cidade e valorou que fora a única agrupación popular nunha cidade de Galicia que subiu dous concelleiros. Neste sentido apuntou que se fixo ante "un alcalde rocoso" e iso conta con maior mérito que facelo fronte "ás Mareas, que están en descomposición".

Ante estas cuestións, Rafa Domínguez asegura que "é momento de dicir que o PP recuperou a ilusión" e agora converteuse nun partido no que a xente de Pontevedra sabe quen é o capitán, quen a contramestre e o rumbo do barco é ser alcalde en 4 anos. "Demos un paso moi importante para chegar a bo porto, a alcaldía de Pontevedra", afirmou.

O representante popular evitou pronunciarse sobre a posición que gardará a súa formación ante a investidura de Miguel Anxo Fernández Lores. Hai catro anos abstivéronse ao ter en conta que o BNG era a forza máis votada. Nesta ocasión, indicou, aínda teñen que tomar a decisión.