María Simal, voceira da Irmandade de Ravachol, anunciaba o tráxico final do loro Ravachol na xornada deste sábado, ante milleiros de persoas que asistiron de rigoroso loito ao sepelio, con estas palabras:
"Benvida xentiña que aquí vos achegastes para amosarlle os vosos respectos ao malpocado Ravachol, que vén de espichala por mor da desfeita da sanidade pública.
Coitado, o noso benquerido bechiño, mártir do desprezo gobernamental coa saúde de todos nós!
Xa o luns non tiña pinta de estares moi aquelado, o malfadado.
Polo si ou polo non, levámolo canda o PAC para que lle botasen un ollo clínico.
Pero nin ollo nin clínico: de persoal sanitario, alí non había ninguén.
Ai, meu Ravacholiño, que cucaches por culpa da mesquindade suíña de quen dilapidan os nosos cartos públicos en beneficios privados.
Ai, meu Ravacholiño, a ver se o vindeiro ano volves canda nós con boa saúde, e nós podemos recibirte cunha sanidade pública pimpante e baril.
Viva a sanidade pública universal, gratuíta e de calidade!
Viva o entroido! Viva Pontevedra! Viva Ravachol!"
O loro máis coñecido do Entroido pontevedrés falecía nun PAC de maneira pouco sorprendente e era velado desde as 18.00 horas na sala mortuoria instalada na praza da Verdura.
Ás 21.00 horas, o cortexo fúnebre acompañaba ao difunto Ravachol polas rúas San Román, Ferrería, paseo de Antonio Odriozola, Soportais, Manuel Quiroga, Princesa, Sabela II, Rúa Real, Sarmiento, Pasantería, para finalizar na praza da Ferrería onde se realizou o último adeus coa compaña das comparsas Os Solfamidas, Las Flores de Carnaval, Os 100 Tolos e Vamos a Todo.
O papagaio de Perfecto Feijoo era incinerado en medio dun espectáculo necrolóxico coa sempre tétrica danza da morte a cargo da agrupación Celme. Val do Lérez tamén interpretou unha saeta en memoria do finado.
Os Canecos, Os Miúdos, As Sonecas e Os da Caña percorreron á cidade ao longo da noite chorando a súa perda e despedindo o Entroido 2023 en Pontevedra.