O Recinto Feiral de Pontevedra acollerá os días 22 e 23 de febreiro a 60 edición da Exposición Internacional da Camelia.
Este Concurso-Exposición naceu nos salóns da Deputación de Pontevedra en 1965, o que contribuíu a popularizar o cultivo desta flor e a súa comercialización e difusión na nosa provincia.
Grazas ao éxito da primeira edición, o concurso adquiriu carácter anual e foi rotando entre as cidades de Vigo, Vilagarcía de Arousa e Pontevedra, o que promoveu o evento en diferentes puntos da provincia.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este evento nun acto celebrado na Estación Fitopatolóxica do Areeiro, un centro dependente da administración provincial e punteiro na investigación e innovación relacionada con distintos cultivos.
Luis López sinalou que este concurso é un punto de referencia para persoas cultivadoras e afeccionadas que acoden todos os anos, ben a participar ou ben a gozar das últimas novidades desta flor cultivada en terra galega "a flor das Rías Baixas", que é un atractivo turístico máis de Pontevedra.
"A camelia é un dos nosos máis grandes tesouros" dixo o presidente da Deputación recordando que con esta planta "producimos un té único, o Té Areeiro".
O programa comeza o sábado día 22 de febreiro ás 18.30 horas coa inauguración do certame e unha hora máis tarde terá lugar a entrega de premios, na que a Deputación repartirá 5.000 euros en seis categorías para recoñecer o labor dun total de 26 produtores.
Para o domingo día 23 están previstos obradoiros e xogos infantís e, ás 11 horas, unha degustación de té de camelia seguida dunha demostración culinaria a cargo do chef Miguel Mosteiro. A clausura desta sesenta edición do certame está prevista para as 20 horas.
O presidente provincial asegura que será "unha verdadeira festa da camelia que exportamos desde as Rías Baixas a todo o mundo".