As obras de reconstrución da ponte de Pontearnelas, que comunica os municipios de Ribadumia e Vilanova de Arousa a través da estrada PO-300, custarán máis de 5,3 millóns de euros. Así consta na tramitación desta actuación, que a Xunta aprobou pola vía de emerxencia.
O obxectivo do goberno galego é que estes traballos estean rematados este mesmo ano ou, como moi tarde, a principios de 2024. Dependerá da subministración dos materiais.
A ponte quedou pechada o pasado 18 de abril, ante os danos detectados en varias péndulas que provocaron que a calzada cedese parcialmente e tras proceder á estabilización da estrutura para evitar o seu colapso.
Logo das intervencións iniciais de sostemento para asegurar a ponte, continuarase traballando durante as vindeiras dúas semanas nas intervencións para preparar a retirada do taboleiro, para iniciar cara á segunda semana de agosto a súa demolición, que durará dous meses.
A continuación, materializarase o plan de traballo decidido para a reconstrución do van central da ponte, tendo en conta a información sobre o estado da estrutura que proporcionaron as inspeccións realizadas e conforme a solución elixida entre as diferentes alternativas analizadas.
As obras suporán unha actuación importante sobre o treito do río e suporá mudar a tipoloxía e a fisionomía da ponte, que perderá o seu arco e os seus tirantes, pero gañará en estética e integración ao proporcionar a propia estrutura de dous niveis.
O superior estará reservado para o tráfico rodado e o inferior para o paso de peóns.
Na disposición da nova ponte reforzarase a cimentación e, a continuación, montarase a nova estrutura metálica sobre a que, posteriormente, se colocarán as prelousas, que serán prefabricadas para axilizar os prazos.
A partir de aí será necesaria unha fase de traballo sobre o terreo en ferrallado, en impermeabilización, en pavimentación, en pintado ou na instalación dos peitorís.