A oficina de turismo de Cuntis renova, un ano máis, o distintivo SICTED de Calidade Turística, que reafirma o seu compromiso coa excelencia na atención ao visitante, segundo indica o goberno local.
O selo, que forma parte do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED), ten como obxectivo mellorar a experiencia do turista en cada destino, contribuíndo a garantir un nivel de calidade homoxéneo nos servizos prestados polos diferentes axentes da rede turística.
Este proxecto, encabezado pola Secretaría de Estado de Turismo, conta coa adhesión da Deputación de Pontevedra a través do destino Rías Baixas-provincia de Pontevedra, consolidándose como unha vantaxe competitiva e un elemento diferenciador no sector.
Manuel Campos, alcalde de Cuntis, subliñou a importancia de prestar atención aos detalles para asegurar a satisfacción dos visitantes á vila termal.
"Somos un municipio turístico que debemos prestar atención aos detalles para que o turista se sinta satisfeito no destino. E unha maneira de facelo é certificar a calidade do servizo de información a través do selo SICTED", afirma Campos.
A oficina de turismo recibía durante o verán de 2024 máis de catrocentas persoas procedentes de diversos puntos, principalmente doutras comunidades españolas.
Con esta certificación, o Concello de Cuntis considera que continúa co seu compromiso coa calidade e a innovación no ámbito turístico, buscando que cada persoa que visite o municipio goce dunha experiencia globalmente satisfactoria.
O distintivo SICTED avalía e acredita a calidade dos servizos turísticos, recoñecendo o esforzo e a dedicación das entidades implicadas na oferta de un servizo de excelencia.
