Renovados 341 puntos de luz por tecnoloxía LED por todo o casco urbano de Marín e o Estadio de San Pedro

Marín
18 de setembro 2023

Investíronse cerca de 196.000 euros, ao abeiro dunha subvención do IDAE, procedente dos fondos FEDER, e coa aportación do 10% da Deputación de Pontevedra e o restante 10% das arcas municipais

Centro urbano de Marín
Centro urbano de Marín /

O Concello de Marín vén de executar un ambicioso proxecto de renovación de luminarias, cambiando 341 puntos de luz do casco urbano e no Estadio Municipal de San Pedro por tecnoloxía LED, instalando unha potencia total de 50.870 W.

Para levalo a cabo, foi preciso realizar unha inversión de 195.775 euros, que procede dun convenio coa Deputación para a xestión dunha subvención do IDAE, quedando o reparto económico da seguinte forma: 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE); 10% da Deputación Provincial e 10% das arcas municipais.

Con este proxecto, conseguiuse reducir a potencia instalada e o consumo asociado, mellorando a calidade da iluminación e mellorando a eficiencia das instalacións, sen ter que incrementar o número de puntos de luz á vez que se cumple cos niveis esixidos de luminancia.

A actuación desenvolveuse en diversas partes do casco urbano, sendo esta a distribución por bloques e por número de luminarias: Banda do Río e as súas transversais, Subida á Rúa do Forte (36); Augusto Miranda (9); Rúa do Sol, Rúa Real, Rúa Almuíña, Rúa Echegaray, Ribeira de Arriba, Praza da Veiguiña, Secundino Lorenzo e Rúa do Forno (181); Concepción Arenal (23);  Fondo do Saco, Rúa da Roda, Méndez Núñez (30); Méndez Núñez e Rúa Estrada (26) e campo de fútbol e pista de atletismo de San Pedro (32).