Repintan a zona de preferencia peonil do paseo de Silgar

Sanxenxo
07 de xuño 2021

Os traballos efectúanse dentro do periodo de garantía da obra

Zona de preferencia peonil do Paseo de Silgar
Zona de preferencia peonil do Paseo de Silgar / Mónica Patxot

O Concello de Sanxenxo procederá a repintar a zona de preferencia peonil do Paseo de Silgar este mércores. A intervención, que está enmarcada no plan de mantemento e conservación municipal, forma parte da garantía da obra polo que non supoñerá custo algún para as arcas de Concello.

O pintado, que se centrará nas zonas de maior desgaste debido ao tránsito de vehículos, obrigará a cortar o tráfico no tramo da Rúa Madrid durante toda a xornada establecendo itinerarios alternativos. A regulación do tráfico realizarase a través de semáforos e con supervisión da Policía Local.

Os vehículos que queiran acceder a Carlos Casas deberán facelo desde a Rúa Progreso e baixar por Rúa Consistorio. A Rúa Cesteiros cambiará a dirección de baixada para dar servizo aos veciños do tramo da Rúa Madrid afectado polo corte. O tráfico restablecerase con normalidade á primeira hora da mañá do xoves