Representantes do goberno de Israel interésanse pola fórmula de compostaxe do Revitaliza

Pontevedra
30 de novembro 2021

Esta delegación visita este martes os centros de compostaxe comunitaria de Pontevedra, do Príncipe Felipe e do Carlos Oroza, ademais do situado no centro de maiores de Vilaboa. Os integrantes buscan asesoramento sobre a xestión do lixo orgánico. Chegaron a este plan da Deputación a través da Xunta nun proxecto europeo

Sesión sobre tratamento de residuos orgánicos coa delegación do goberno de Israel
Sesión sobre tratamento de residuos orgánicos coa delegación do goberno de Israel

Unha expedición do goberno de Israel percorre este martes diferentes puntos da comarca para coñecer o modelo de compostaxe que desenvolve a Deputación de Pontevedra a través do Plan Revitaliza.

Trátase de vinte persoas, que chegan da man da Xunta de Galicia dentro dun proxecto europeo de colaboración entre institucións. A delegación quere coñecer o sistema de xestión de residuos a través da compostaxe local con tratamento dos restos orgánicos co uso de composteiros individuais, comunitarios ou en pequenas plantas de tratamento que se atopan en zonas de acceso veciñal.

Este equipo técnico israelí tamén mostra interese pola implantación do pago por xeración, unha proposta que a Deputación quere poñer en marcha nos municipios que forman parte do Plan Revitaliza, unha fórmula de xustiza económica para incentivar a correcta separación de residuos.

Carlos Pérez Losada, asesor da Deputación no sistema de compostaxe, asistiu con outros representantes da Xunta e de Sogama a esta reunión co grupo de persoal técnico do Ministerio de Protección Ambiental de Israel.

A comitiva na súa visita tiña previsto acudir ata os composteiros comunitarios da cidade de Pontevedra, ademais dos instalados en Príncipe Felipe e no CIFP Carlos Oroza e, a continuación, polo do centro de maiores de Vilaboa, para comprobar o seu funcionamento.

Este encontro que promove a Xunta co goberno de Israel e a Deputación forma parte dos proxectos Twinning da Unión Europea para fortalecer a colaboración institucional entre estados.