Resolven unha demanda veciñal "histórica" no Camiño do Souto en Combarro

Poio
18 de novembro 2024
Actualizado: 16:04

A veciñanza levaba anos reclamando unha solución debido á falta de elementos de contención, o que provocaba problemas de seguridade viaria

Obras no Camiño do Souto, en Combarro
Obras no Camiño do Souto, en Combarro / Concello de Poio

O Concello de Poio deu comezo ás obras para a construción dun muro de contención e a mellora do firme no Camiño do Souto, situado en Combarro.

Esta intervención responde a unha demanda histórica dos residentes da zona, que levaban anos alertando do deterioro do camiño e do perigo que supoñía tanto para vehículos como para peóns.

O concelleiro de Obras de Servizos, Marcial García, explicou que a actuación busca solucionar os problemas de seguridade viaria que viña presentando este vial.

"Entre a auga, a falta de elementos de contención, o deterioro do firme e o peso dos coches, a situación era preocupante", afirmou García.

O proxecto, financiado con fondos do plan +Provincia da Deputación, inclúe a mellora do firme, escavación en desmonte, preparación do terreo e escavación mecánica de toxo para a cimentación do muro de contención.

Ademais, o goberno local negociou coa propiedade da parcela para poder realizar o muro e ampliar o vial cunha alineación a catro metros do eixe.

As obras tamén contemplan a roza das beiravías, a limpeza da vexetación existente e a instalación de sinalización horizontal e vertical para incrementar a seguridade.

O Camiño do Souto é unha vía moi transitada que conecta Combarro, O Xuviño e Cidrás, e que se ve especialmente afectada polo caudal de auga durante o inverno.

Marcial García destacou que este ano Poio está a empregar fondos provinciais para atender melloras en camiños rurais que levan anos agardando mantemento.

"Son pequenos investimentos pero moi necesarios, que ofrecerán un servizo fundamental para a nosa veciñanza", subliñou.

Ademais do Camiño do Souto, o Concello de Poio está a realizar obras no camiño do Cemiterio e na travesía Poio de Arriba, centradas na substitución do firme e mellora da seguridade.

Tamén se están executando traballos na rúa Costa de Arriba, en Combarro, onde se mellora o firme e se amplía a rede de abastecemento e pluviais.