Reto conseguido. A finais do mes de maio, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, lanzou un reto para atopar un fogar ás tres avoas e ao avó do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) que xestiona a institución provincial e este martes xa se pode anunciar que se completou.
En concreto, o reto cumpriuse este pasado luns coa saída de 'Pitu', de dez anos, o último dos animais máis veteranos que quedaba nas instalacións situadas en Armenteira.
'Pitu' fora recollido en marzo deste ano en Catoira e deixou o CAAN este luns 23 de agosto con destino a un novo fogar en Barro.
'Macarena', de 8 anos e raza mastín, chegara de Pontecesures en marzo cun gran corte na cara e finalmente recuperouse en en xullo atopou un novo fogar tamén en xuño.
'Adia', tamén de oito anos e pastora alemá, chegou a Armenteira desde As Neves e atopou fogar no pasado mes de xullo en Padrón.
'Paradita', con eses mesmos 8 anos, fora recollida en febreiro en Meaño e atopou fogar en xuño en Pontevedra.
No que vai de 2021, segundo os datos facilitados pola Deputación de Pontevedra, 469 animais do centro lograron a adopción. A cifra supera aos rexistros de todo o ano 2019 (466) e representa un incremento substancial en relación con 2020.
O ritmo de adopcións neste 2021 é tan elevado que o CAAN xa está preto de superar o récord anual de adopcións, correspondente precisamente ao ano pasado, con 583 animais. Dende 2015 o Centro de Protección da Deputación procurou un fogar a un total de 3.015 cans e cadelas.