O Concello de Ribadumia vén de comprobar o resultado das obras de mellora acometidas recentemente na planta de transferencia de residuos de Sogama, situada neste municipio.
Trátase dunha infraestrutura clave para a comarca, que presta servizo a máis dunha vintena de concellos, especialmente relevante durante os meses de verán, cando o volume de residuos se duplica ou incluso triplica debido ao incremento da poboación estacional e o turismo.
As melloras foron financiadas pola empresa pública Sogama, que destinou máis de 600.000 euros á estabilización e consolidación dun noiro de gran altura situado nunha parcela anexa á instalación, así como á construción de novos vestiarios e a reparación do aparcadoiro de contedores existente, ao que se engadiron dúas prazas novas.
A planta de Ribadumia está preparada para o tratamento de dúas fraccións principais de residuos: a coñecida como bolsa amarela, que contén envases lixeiros (plástico, latas e briks), e a bolsa negra, correspondente aos restos non reciclables.
Estas fraccións son recollidas polos servizos municipais e trasladadas á planta, onde se transfire o seu contido a colectores de gran capacidade equipados con mecanismos de seguridade, e posteriormente son enviadas ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda.
No caso da bolsa amarela, os materiais son separados por tipoloxías para seren remitidos aos centros recicladores.
Os restos da bolsa negra, pola súa banda, pasan por un proceso de selección mediante tecnoloxía 4.0 que permite recuperar a parte reciclable, destinando o restante á produción de enerxía eléctrica.
Ademais, os concellos que dispoñen de recollida diferenciada de materia orgánica a través do contenedor marrón deben transportar estes residuos á planta de compostaxe de Vilanova de Arousa, onde se transforman nun abono natural destinado a usos agrícolas e de xardinaría.
Os datos de xestión da planta de Ribadumia en 2024 reflicten a importancia desta infraestrutura: 99.145,51 toneladas de bolsa negra, cun lixeiro descenso do 0,33% respecto a 2023, e 4.545,74 toneladas de bolsa amarela, cun aumento do 6,76% respecto ao ano anterior.
Dende o Concello valoran moi positivamente estas actuacións, que melloran a seguridade e funcionalidade da planta, ao tempo que destacan a súa contribución, como municipio anfitrión, "a un modelo de xestión de residuos máis eficiente, sostible e comprometido co medio ambiente".