O pleno municipal de Ribadumia aprobou esta semana por unanimidade a creación da mesa local de coordinación fronte á violencia de xénero, un novo espazo de traballo que busca reforzar a resposta institucional e social ante esta realidade.
Esta iniciativa parte do equipo de goberno local, consciente de que a violencia de xénero continúa sendo un problema grave que afecta á seguridade, á liberdade e á dignidade das mulleres, e que require unha resposta pública conxunta, eficaz e ben coordinada.
A posta en marcha desta mesa dá continuidade ao I Plan Municipal de Igualdade de Ribadumia, aprobado no pleno de marzo de 2025, no que o Concello xa asumira o compromiso de promover este tipo de estruturas como ferramenta esencial para avanzar nas medidas recollidas no plan.
A mesa local será un espazo estable de colaboración entre administracións, servizos e entidades, co obxectivo de mellorar a atención e derivación dos casos, reforzar a prevención e garantir unha intervención integral e coordinada.
Durante os últimos meses, o Concello contou co apoio técnico da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, dependente da Consellería de Política Social e Igualdade, a través dun acordo de colaboración coa FEGAMP.
Como parte do proceso previo á súa creación, celebráronse dúas sesións formativas os días 24 de setembro e 1 de outubro, nas que participaron representantes institucionais e profesionais de distintos ámbitos.
A nova mesa estará integrada por representantes das administracións e entidades que interveñen na atención, prevención e detección da violencia de xénero.
Entre elas están o Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Mancomunidade do Salnés, principal recurso especializado de referencia: ou os servizos sociais municipais, cun papel fundamental de acompañamento e seguimento.
A eles súmanse os centros educativos, servizos sanitarios e forzas e corpos de seguridade, así como a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, a través da Unidade contra a Violencia sobre a Muller.
A mesa, de carácter técnico e operativo, estará presidida polo alcalde ou pola persoa en quen delegue, e contará coa participación da concelleira responsable da área, persoal técnico municipal e representantes das entidades implicadas. Ademais, poderán crearse grupos de traballo específicos para tratar cuestións concretas.
Con esta medida, Ribadumia dá un novo paso adiante na loita contra a violencia de xénero, fortalecendo a rede de atención existente, mellorando a coordinación entre recursos e consolidando unha estrutura estable de prevención e sensibilización social.