A Aula Cemit de Combarro, emprazada na antiga Escola do Campo, aumentará os seus contidos formativos tras a Semana Santa e ao longo dos próximos tres meses.
Así, aos ciclos e sesións gratuítas habituais sobre o uso de diferentes programas, aplicacións e ferramentas vencelladas a Internet e ás novas tecnoloxías sumaranse clases específicas sobre o manexo e o funcionamento de impresoras 3D.
Ademais, tamén se impartirán sesións de robótica, centradas en como programar as placas de comunicación de plataformas como Arduino e Raspberry Pi, manexo de drons e utilización de gafas de realidade virtual.
Estes novos contidos impúlsanse ao abeiro da renovación do convenio asinada hai uns meses entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias, segundo apunta o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Xulio Barreiro.
No que levamos de ano, a Aula Cemit de Poio xa ofreceu preto de 200 horas de formación, en clases que se desenvolven de luns a venres, en horario de tarde.
Os primeiros cursos serán o de procesador de texto LibreOffice, nivel medio, e o manexo de redes sociais, entre o propio 11 e o venres 14 de abril.
Posteriormente, do 17 ao 21, haberá outros dous ciclos, sobre iniciación á informática e utilización dun programa para executar follas de cálculo, nun nivel básico. Para persoas con nivel medio, este curso se repetirá do 24 ao 28, datas nas que tamén haberá unha formación específica sobre navegación en Internet.
Ademais, mantense a aula aberta, con acceso libre previo rexistro do usuario, de luns a venres de 19.30 a 21.00 horas. Nesta franxa horaria tamén se porán as dependencias a disposición das asociacións e organizacións municipais para realizar cursos ou diversas iniciativas.
As inscricións e solicitudes para anotarse nestes cursos poderán facerse enviando un correo electrónico a [email protected] ou na propia Aula de Combarro. Tamén é posible facer esta xestión chamando ao 986770001 (extensión 1321), en horario de 16.00 a 21.00 horas.