O grupo municipal socialistade Poio iniciará unha serie de reunións informativas nas parroquias do municipio para recoller directamente as inquietudes e propostas da veciñanza.
Segundo indican desde o PSOE, tras máis dun ano e medio de mandato do Partido Popular "percíbese un descontento xeneralizado coa súa xestión" e unha "preocupación crecente".
Isto é debido, sinalan, á falta de avances no municipio, unido á parálise de temas enquistados que o goberno prometeu resolver, entre os que se atopa a posible implantación dun Parque Eólico no Castrove, a seguridade na PO-308, o estado do Polígono Industrial, as carencias na atención primaria, o transporte público ou a limpeza de parques e beirarrúas.
Os socialistas lamentan tamén que no último pleno municipal a falta de partidas para novos investimentos confirman a ausencia de proxectos para o desenvolvemento de Poio, polo que queren reforzar o seu compromiso coa veciñanza escoitando, compartindo e buscando solucións "reais e eficaces".
As reunións celebraranse ás 20:00 horas na Escola Obradoiro de San Xoán (15 de xaneiro), na sala multiusos da EM Xaime Illa de Raxó (22 de xaneiro), na EM Escola do Campo de Combarro (29 de xaneiro), na EM Tarrío de Samieira (5 de febreiro) e na EM Viñas de San Salvador (12 de febreiro).
Desde o PSOE convidan os veciños e veciñas a participar nestes encontros onde poderán expor as súas preocupacións, suxestións e demandas, as cales tamén poden facer chegar a través do teléfono 649100120 e o correo [email protected].