"Ás veces discútese por parvadas e ultimamente na política pasa moito", lamenta Rueda

Pontevedra
30 de marzo 2025
Actualizado: 12:05

Rueda someteuse "sentindo moita responsabilidade" ás preguntas dos alumnos de 4º de Primaria do CRP Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra

Alfonso Rueda nunha entrevista no Colexio Sagrado Corazón (2)
Alfonso Rueda nunha entrevista no Colexio Sagrado Corazón (2) / Xunta de Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, animou aos escolares pontevedreses a esforzarse e estudar moito no día a día para poder estar mellor preparados e facerlle fronte aos desafíos que lles agardan no futuro, tendo en conta que "o colexio é algo que marca moitísimo".

Rueda someteuse "sentindo moita responsabilidade" ás preguntas dos alumnos de 4º de Primaria do CRP Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra -no que estudaron as súas dúas fillas-.

Alfonso Rueda, entrevistado no Colexio Sagrado Corazón
Alfonso Rueda, entrevistado no Colexio Sagrado Corazón

O presidente galego tivo que dar contas sobre a súa formación, os seus estudos de Dereito, as súas funcións á fronte da Xunta ou a importancia de saber formar equipos e liderar grupos de traballo.

"A preparación nunca sobra, así que vos pediría que vos formedes, que estudedes con forza e que levedes unha vida san".

Rueda respondía así a un dos alumnos que lle preguntaba sobre que podían facer os nenos para axudar a mellorar a nosa comunidade.

Na súa resposta, quixo abundar na "responsabilidade e agradecemento" que sente "para non errar, para facer as cousas que dixen que ía facer cando pedín a confianza da xente".

Alfonso Rueda, entrevistado no Colexio Sagrado Corazón
Alfonso Rueda, entrevistado no Colexio Sagrado Corazón

O alumnado tamén se amosou moi interesado pola mala imaxe que ás veces dá a clase política e mesmo lle interpelaron sobre se "aos políticos lles viría ben vir á nosa clase para aprender a traballar en equipo".

Rueda confesou que "hai moitos días que eu tampouco entendo a algúns políticos", pero asegurou que "en Galicia discutimos un pouco menos do que discuten noutros sitios, porque aquí temos sentidiño", para concluír que sempre é bo negociar para chegar a acordos.

"Ás veces discútese por parvadas e ultimamente na política pasa moito", lamentou.

Alfonso Rueda, entrevistado no Colexio Sagrado Corazón
Alfonso Rueda, entrevistado no Colexio Sagrado Corazón