San Salvador suma dous novos composteiros en Ferreirós e Ánkar

Poio
13 de decembro 2022

Dous novos composteiros comunitarios estarán operativos nas vindeiras semanas nas proximidades do Casal de Ferreirós e do parque de Ánkar. Con esta nova actuación serán xa cinco os recipientes a disposición da cidadanía na parroquia de San Salvador

Lugar elixido para o composteiro de Ánkar
Lugar elixido para o composteiro de Ánkar / Concello de Poio

Dous novos composteiros comunitarios estarán operativos nas vindeiras semanas nas proximidades do Casal de Ferreirós e do parque de Ánkar. Con esta nova actuación serán xa cinco os recipientes a disposición da cidadanía na parroquia de San Salvador.

Deste xeito, estes centros súmanse aos que xa están operativos en Rosalía de Castro, Valiña e Río Miño,  afirma o edil de Servizos Municipais e Obras, Julio Casás, o que fai que "cada vez son máis as persoas que apostan pola compostaxe como fórmula de tratamento de residuos orgánicos".

O pasado mes de outubro cumpríronse dous anos desde a instalación do primeiro destes recipientes, en Rosalía de Castro, e a resposta da cidadanía "non puido ser máis positiva", indica Casás, que lembra que desde o Concello se levaron a cabo varias campañas informativas. 

Estes novos composteiros finánciase vía fondos europeos. Supoñen un investimento de máis de 77.000 euros e tamén se invisten na adquisición de biotrituradoras e no reparto un milleiro de cubos para a separación dos restos de comida

Con respecto ás biotrituradoras, esta maquinaria estará proximamente xa a disposición da cidadanía, a través dun servizo de préstamo "que estamos a perfilar", segundo o edil.

Esta adquisición é importante, xa que a nova normativa non contempla a realización de queimas. Ademais, as biotrituradoras tamén contemplan outros beneficios como a xeración de estruturantes para composteiros.