O Consello da Xunta avaliou este luns un informe sobre a situación actual na que se atopan os procedementos de contratación para a dotación na fase inicial dos equipamentos do Hospital Novo Montecelo de Pontevedra.
O Executivo galego consignou unha partida de 30 millóns de euros para adquirir o novo equipamento electromédico, alta tecnoloxía e mobiliario clínico para garantir a calidade e as prestacións asistenciais ao conxunto da poboación da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Na actualidade, catro dos expedientes de adquisición de equipos para o hospital de referencia de Pontevedra, que suman un investimento de case 11,5 millóns de euros, atópanse nun estado avanzado de desenvolvemento.
Entre eles, destaca a subministración de ecógrafos con destino a diversos servizos deste centro hospitalario. O contrato foi licitado por importe de 5.023.315 euros. Nestes momentos está en fase de realización de probas de uso e elaboración de informes técnicos.
Así mesmo, a Xunta xa adxudicou a subministración e instalación do equipamento integral da central de esterilización do Novo Montecelo. Este contrato foi licitado por importe de 2.312.273 euros.
Do mesmo xeito, tamén se encontra en fase de adxudicación a compra do equipamento suspendido para este centro hospitalario, que suporá un investimento de 1,8 millóns de euros; e a dotación de sistemas de monitorización de pacientes atópase neste intres en fase de elaboración de informe técnicos, tras ser licitado por importe de 2.268.447 euros.

Nestes primeiros meses de 2025 estanse a tramitar o resto de licitacións previstas no marco do Plan inicial de dotación de equipamento para o Novo Montecelo, que conta arestora con dous procedementos en fase de presentación de ofertas.
En concreto, trátase do contrato para a subministración dun quirófano híbrido para o seu bloque cirúrxico -cun orzamento de licitación de 1.754.500 euros-; e para a adquisición de equipamento electromédico para diversos servizos do hospital, cuxo importe de licitación ascende a 740.120 euros.
Así mesmo, a Xunta destinará un montante de 5.347.548 euros para a compra do mobiliario de hospitalización (camas convencionais e de críticos, sillóns de pacientes e sistemas automatizados de dispensación de medicación) e outros 3.455.878 euros para a adquisición integral dos equipos de cociña deste centro hospitalario. En ambos os casos os pregos xa están redactados para proceder en próximas datas á súa licitación.
O informe trasladado este luns pola Consellería de Sanidade ao Consello da Xunta tamén inclúe unha serie de expedientes que nestes momentos se atopan en fase de elaboración de pregos e cuxo importe conxunto supera os 7,5 millóns de euros.
Máis polo miúdo, este investimento destinarase á dotación de equipos de alta tecnoloxía con destino ao servizo de urxencias do Novo Montecelo (1.110.000 euros); á subministración dos sistemas de control e xestión da imaxe en quirófano (1.612.000 euros); á compra de equipos radiofísicos para os servizos de radioterapia e medicina nuclear (1.123.225 euros); á dotación de mobiliario clínico con destino aos laboratorios do centro hospitalario (1.670.000 euros); á adquisición de arcos cirúrxicos e equipos portátiles de raios (1.071.000 euros); ou para os sistemas de robotización e almacenamento dos servizos de farmacia hospitalaria (980.100 euros).
Todos os equipos que está a licitar a Xunta para o Novo Montecelo incorporan a tecnoloxía sanitaria máis avanzada do mercado co obxectivo de ofrecer a maior calidade posible na prestación dos servizos sanitarios.
Neste sentido, a súa adquisición posibilitará a posta en marcha de novos servizos asistenciais, como é o caso do servizo de oncoloxía radioterápica, o servizo de medicina nuclear ou a dotación de imaxe radiolóxica no seu novo servizo de Urxencias.
Ademais, o hospital pontevedrés incorporará melloras como a automatización na dispensación de medicamentos, o que optimizará a distribución de fármacos na hospitalización e aumentará a seguridade dos pacientes.
Tamén se dotará de sistemas de control da xestión da imaxe en quirófano con integración completa, o que permitirá tanto o control do equipamento médico dentro do quirófano, como a xestión de vídeo e a integración cos sistemas de información, co que se garantirá e incrementará a seguridade dos datos clínicos do paciente.