Sanxenxo convoca aos peques a espantar monstros e cociñar pocións no seu Obradoiro de Samaín

Sanxenxo
09 de outubro 2025
Actualizado: 18:05

Unha iniciativa que mestura tradición celta, diversión horrible e conciliación familiar

Actividades da 'Noite dos Calacús' PontevedraViva

O Concello de Sanxenxo lanzou o seu Obradoiro de Samaín máis monstruosamente divertido para os días 31 de outubro e 3 de novembro, coincidindo con dúas xornadas escolares non lectivas.

O obxectivo é que a rapazada o pase de medo mentres as súas familias traballan tranquilas.

Tal e como explica a concelleira de Educación, Nati Parada, "a idea é proporcionar unha actividade lúdica á rapazada do municipio e facilitar ás familias que traballan unha opción de conciliación".

Este plan vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos e celebrarase no pavillón de Nantes, de 9:00 a 14:30 horas.

Os 75 rapaces que consigan praza participarán nun Obradoiro de máscaras e disfraces caseiros para camuflarse entre os monstros. Tamén practicarán a Cociña monstruosa con receitas tan terroríficas que dan ganas de repetir.

Ademais, haberá unha Gymkana do terror, con retos para espertar á cabaza máxica que protexe ao pobo do temido Samaín.

Gozarán dun Taller de pocións máxicas, da Procura de cabazas encantadas e, como colofón, un ferión terrorífico con tiro á cabaza, pesca de arañas, atrapa a pantasma, retos da momia e un cubo de pócimas burbullantes.

O prezo do taller é de 10 euros, e as inscricións realizaranse do 14 ao 27 de outubro ás 9:00 horas, a través da sede electrónica de Terra de Sanxenxo. Se o tempo acompaña, algunhas actividades tamén se farán ao aire libre.