Sanxenxo quere seguir sendo azul e pide renovar as súas 16 bandeiras

Sanxenxo
17 de decembro 2013

O Concello de Sanxenxo acaba de presentar a candidatura local á campaña Bandeira Azul 2014. Aspira a renovar os 16 ecodistintivos conseguidos este ano para 14 praias, o Porto Deportivo Juan Carlos I de Sanxenxo e no Centro de Interpretación As Telleiras, situado en Vilalonga

Praia de Silgar, Sanxenxo
Praia de Silgar, Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo acaba de presentar a candidatura local á campaña Bandeira Azul 2014 que está promovida pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC). Nesta convocatoria, aspira a renovar os 16 ecodistintivos conseguidos este ano para 14 praias, o Porto Deportivo Juan Carlos I de Sanxenxo e no Centro de Interpretación As Telleiras, situado en Vilalonga.

"Dende a Administración local somos plenamente conscientes da importancia do noso patrimonio natural que constitúe o principal reclamo deste destino turístico e por iso non escatimamos recurso materiais e persoais para que a calidade e os servizos das nosas praias continúen a ser un referente nacional e internacional", sinalou o edil delegado desta área, José Luis Rodríguez, quen recordou que "non en van, Sanxenxo leva anos sendo o municipio de España con maior número de Bandeiras Azuis, o que supón un gran recoñecemento ao noso esforzo".

Areas, Silgar, Baltar, Caneliñas, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas, Pragueira, Major, Foxos, Areas Gordas, A Lapa e O Espiñeiro son os areais nos que o Executivo local espera que ondeen o próximo verán os galardóns ambientais outorgados por ADEAC, xa que cumpren cos requisitos imperativos marcados por esta asociación tal e como especificou a Concellaría de Medio na solicitude.

A información remitida, que por primeira vez se enviou online, céntrase nas características de cada praia e dos servizos dos que dispón como son os módulos de salvamento, socorrismo e primeiros auxilios, aseos con limpeza diaria, balizamento das zonas de baño, paneis informativos, accesos doados e seguros -sete areais con accesos adaptados para persoas con discapacidade-, espazos dunares con paneis de sensibilización, limpeza das praias e dos seus ámbitos, dotación de papeleiras e recollida selectiva de residuos, entre outros.

Tras enviar todos os datos requiridos, agora haberá que agardar ata finais de maio ou principios de xuño para que a ADEAC comunique a decisión do xurado nacional Bandeira Azul.