O goberno local convocou un pleno extraordinario, que se celebrará este xoves ás 8.30 horas, para someter a consideración da corporación a interposición de recurso de alzada e requirimento de anulación da resolución ditada polo director xeral de Administración Local, de data 9 de xuño, pola que se acordou non tramitar o procedemento de deslinde entre os termos municipais do Grove e Sanxenxo.
Sanxenxo argumentará no seu recurso a nulidade da resolución do director xeral de Administración Local por vulnerar o procedemento para seguir para a resolución do expediente de deslinde en termo municipal, ao non ser de aplicación os artigos do Real Decreto 3426/2000, que regula o procedemento de deslinde de termos municipais pertencentes a distintas Comunidades Autónomas, e omitirse a tramitación establecida no artigo 44 da Lei 5/1997 da Administración Local de Galicia, non solicitando emisión de informe ao Instituto Xeográfico Nacional, nin á Comisión Galega de Delimitación Territorial, nin á Deputación Provincial nin ditame do Consello Consultivo.
O recurso basearase tamén na incompetencia da Dirección Xeral de Administración Local para a decidir a finalización do expediente de deslinde, ao considerar que o órgano competente para tomar este acordo o Consello da Xunta.
O terceiro argumento ten que ver co feito de que a decisión se toma partindo da resolución do Ministerio de Gobernación de data 31 de xullo de 1959, na que se aprobaba o deslinde entre o termo municipal de Sanxenxo e o do Grove, partindo duns documentos de referencia non consentidos polo Concello de Sanxenxo.
Neste novo proceso achegouse documentación histórica na que se reflicten tales límites, que non foi tida en conta.