Nesta nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" imos elaborar unha receita con follado frito perfecto como entrante e onde aproveitaremos todos os beneficios dun dos peixes máis exquisitos e demandados: o bonito do norte.
O bonito do norte Pescamar é un peixe azul rico en graxa saudable, xa que contén unha gran cantidade de ácidos graxos poliinsaturados, indicados para reducir os niveis de "colesterol malo". A esta calidade, hai que engadir os efectos beneficiosos para a saúde cardiovascular da súa presentación en aceite de oliva.
Esta receita ofrécenola o FROM, o organismo do Ministerio de Agricultura e Pesca encargado de regular o mercado dos produtos do mar. A través da súa páxina web, tamén nos lembra que "todas as elaboracións de peixe enlatado son moi aconsellables desde o punto de vista nutritivo".
Para preparar uns deliciosos Saquiños de mariscos e bonito do norte Pescamar, necesitamos os seguintes ingredientes:
- 1 lata de bonito do norte en aceite de oliva Pescamar
- 200 g. masa de follado conxelada
- 300 g. lagostinos conxelados
- 4 ou 5 ud. grandes de carabineiros cocidos
- 2 ou 3 paus de carne de cangrexo (surimi)
- 1 cebola
- Cenorias
- Sal
- Pementa negra moída
- 100 ml. Whisky
- 50 ml. Brandy
- 100 ml. aceite de oliva virxe extra
- Salsa de soia
Preparación:
Desconxelamos a masa de follado e os lagostinos.
Picamos á xuliana moi fina a cebola, a cenoria, os carabineiros e o surimi. Fritímolos lixeiramente de 4 a 5 minutos sen deixar que se douren as verduras, pero permitindo que a cenoria estea branda. Salpementamos ao gusto e engadimos o whisky e o brandy. Reducimos por completo e reservamos quente.
Estendemos a masa de follado e cun molde (pódese usar unha cunca de almorzo) cortamos 8 círculos. Cos restos formamos unhas tiras moi finas alongadas.
Enchemos os círculos co rustrido (2 ou 3 culleradiñas) xunto con tres lagostinos partidos e a cantidade que desexemos da lata de bonito do norte en aceite de oliva Pescamar.
Formamos un saco e pechamos cunha tira a modo de lazo. Fritimos en abundante aceite moi quente ata que estean dourados os saquiños e crocantes.
Servimos quentes acompañados de salsa de soia.
En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.