Varios membros da Asociación Francesa de Guías e Scouts de Europa mantiveron unha reunión co alcalde de Portas, Ricardo Martínez, de cara a organizar a acampada que realizarán a finais do mes de xullo na Azucreira dentro da ruta de peregrinaxe a Santiago polo Camiño Portugués.
En Portas farán parada uns 300 mozos e mozas procedentes de Francia, Alemaña, España, Italia, Polonia, Suíza e Bélxica.
O Concello de Portas colaborará con esta iniciativa do movemento Scout acondicionando un espazo anexo á Azucreira para que os excursionistas poidan montar as súas tendas de campaña, facilitaráselles enerxía eléctrica, auga corrente e as duchas das instalacións anexas, co fin de que os participantes nesta peregrinaxe teñan posibilidades de acceder ás mínimas condicións hixiénicas.
Ricardo Martínez agradeceu que este itinerario europeo xuvenil, que se desenvolverá entre o 26 e o 31 de xullo, pensase en Portas para facer unha das súas estadías. Ademais, explicou aos organizadores "a vocación xacobea do noso concello que ten un albergue de peregrinos recentemente distinguido coa Q de Calidade e que ten gran demanda entre os camiñantes que se achegan a Santiago pola ruta portuguesa".
"Portas é un concello aberto e acolledor moi involucrado no movemento xacobeo e o feito de que este grupo scout francés pensara en nós para esta iniciativa xuvenil europea énchenos de satisfacción polo que representa de movemento cultural, económico e turístico para o noso municipio", concluíu o alcalde.