Os segredos da espionaxe na Antigüidade, desvelados na UNED Pontevedra

Pontevedra
30 de outubro 2025

Con esta proposta cultural, a UNED Pontevedra convida a descubrir como a espionaxe, lonxe de ser unha práctica moderna, xa movía os fíos do poder fai miles de anos

Pintura do Antigo Exipto
Pintura do Antigo Exipto / Museo de Pontevedra

O próximo 3 de novembro de 2025, ás 19:00 horas, o centro asociado da UNED en Pontevedra converterase en escenario dunha inmersión no mundo da espionaxe das civilizacións antigas.

Baixo o título "Servizos de intelixencia na Antigüidade: a relevancia da espionaxe nas sociedades do pasado", a conferencia promete desvelar como a información e o sixilo foron armas tan decisivas como as espadas e os exércitos.

A charla, que forma parte do programa Extensión Universitaria Humanidades a Curta Distancia, poderá seguirse tanto de forma presencial na sede da UNED Pontevedra como online, en directo ou en diferido.

O encargado de guiar esta viaxe histórica será Fernando Bermejo-Rubio, profesor contratado doutor do Departamento de Historia Antiga da UNED, coa coordinación de Rafael Cotelo Pazos, responsable de Extensión Universitaria e Actividades Culturais do centro pontevedrés.

Durante a súa intervención, Bermejo-Rubio explorará o papel dos servizos de intelixencia e as prácticas de espionaxe nos grandes imperios do pasado, desde Exipto e Mesopotamia até Grecia e Roma.

A través dun enfoque histórico e crítico, mostrará como a recolección de información, a transmisión de datos estratéxicos ou as técnicas de contraespionaxe resultaron fundamentais para manter a estabilidade política e militar de reinos e gobernos.

Máis aló da intriga histórica, a conferencia subliña o compromiso da UNED Pontevedra coa divulgación do coñecemento humanístico e científico, achegando a investigación universitaria á cidadanía.

A inscrición é gratuíta, tanto para quen desexen asistir en persoa como para os que prefiran conectarse desde casa.

A actividade está aberta a todo o público, especialmente a estudantes e profesionais do ámbito da Historia, as Humanidades e a Comunicación.