A Mesa de Comercio Local, que se reuniu este luns no Concello de Poio, acordou que a feira multisectorial Poio Mostra se celebre do venres 4 ao domingo 6 de abril.
Nesta reunión participaron o alcalde, Ángel Moldes; o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e representantes da asociación empresarial En Poio.
Durante a xuntanza puxeron en valor o éxito da edición que se celebrou o ano pasado na Seca, na que participaron un total de 60 empresas de diferentes sectores e incluíu tamén unha exposición de vehículos de ocasión.
O alcalde manifestou que o pasado ano a mostra "foi un éxito", e por iso desde o Concello de Poio "volveremos a apostar e apoiar a En Poio para que repitan experiencia".
Moldes dixo que este evento "é unha oportunidade para reunir a todos os negocios do noso municipio nun só espazo", no que amosar toda a oferta e variedade que a cidadanía pode atopar en Poio, "sen necesidade de desprazarse a outros concellos, cunha atención próxima e con produtos variados e de calidade".
Así, o seguinte paso será realizar unha comunicación previa coa data da celebración do evento á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Ademais da feira multisectorial Poio Mostra, na reunión tamén se abordaron outras cuestións relacionadas co comercio de proximidade da vila e coa formación específica para autónomos en horarios flexibles.
Nesta liña, o alcalde reiterou a necesidade de reforzar o transporte público durante os meses de tempada alta, tanto frecuencias como número de prazas, tal e como se fixo o ano pasado.
Por último, destacaron o papel fundamental destas mesas como foros de cooperación, debate e participación entre a administración autonómica, local e os axentes representativos do tecido comercial.