A segunda feira multisectorial Poio Mostra celebrarase a primeira fin de semana de abril

Poio
27 de xaneiro 2025

Foi un asunto tratado na Mesa de Comercio Local que tamén abordou outras cuestións relacionadas co comercio de proximidade da vila e coa formación específica para autónomos en horarios flexibles

Mesa de Comercio Local Concello de Poio

A Mesa de Comercio Local, que se reuniu este luns no Concello de Poio, acordou que a feira multisectorial Poio Mostra se celebre do venres 4 ao domingo 6 de abril.

Nesta reunión participaron o alcalde, Ángel Moldes; o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e representantes da asociación empresarial En Poio.

Durante a xuntanza puxeron en valor o éxito da edición que se celebrou o ano pasado na Seca, na que participaron un total de 60 empresas de diferentes sectores e incluíu tamén unha exposición de vehículos de ocasión.

O alcalde manifestou que o pasado ano a mostra "foi un éxito", e por iso desde o Concello de Poio "volveremos a apostar e apoiar a En Poio para que repitan experiencia".

Moldes dixo que este evento "é unha oportunidade para reunir a todos os negocios do noso municipio nun só espazo", no que amosar toda a oferta e variedade que a cidadanía pode atopar en Poio, "sen necesidade de desprazarse a outros concellos, cunha atención próxima e con produtos variados e de calidade".

Así, o seguinte paso será realizar unha comunicación previa coa data da celebración do evento á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Ademais da feira multisectorial Poio Mostra, na reunión tamén se abordaron outras cuestións relacionadas co comercio de proximidade da vila e coa formación específica para autónomos en horarios flexibles.

Nesta liña, o alcalde reiterou a necesidade de reforzar o transporte público durante os meses de tempada alta, tanto frecuencias como número de prazas, tal e como se fixo o ano pasado.

Por último, destacaron o papel fundamental destas mesas como foros de cooperación, debate e participación entre a administración autonómica, local e os axentes representativos do tecido comercial.