Seis empresas presentaron ofertas para facerse cargo da xestión das piscinas municipais de Campolongo. Así o comunicou o Concello de Pontevedra despois de que terminase o prazo de licitación.
Xunto con Serviocio, a actual adxudicataria das piscinas, optan a facerse con este contrato Carpa Servicios y Conservación, SIDECU, Dos Deporte Ocio Salud Ibérica, Civis Global e Ferrovial Servicios.
A previsión do goberno municipal é reunir a próxima semana a mesa de contratación para iniciar o proceso de valoración de ofertas.
Se non xorden imprevistos, o Concello prevé adxudicar o contrato en xuño.
Ademais da xestión das piscinas, a empresa que se faga cargo destas instalacións deberá reformalas de maneira integral. Investiranse 3,5 millóns de euros, aumentando a superficie actual das instalación de 3.858 a 4.335 metros cadrados e renovando todos os equipamentos. Tamén se reformarán as pistas deportivas exteriores.
Ademais, mellorarase a súa eficiencia enerxética e reordenaranse todos os seus espazos para adecualos ás necesidades actuais.
Entre os requisitos que o Concello de Pontevedra esixirá á empresa que resulte adxudicataria figura a subrogación de todos os contratos actuais das instalacións, máis de 50.
Iso si, recibirán máis puntuación aquelas empresas que oferten máis persoal, as que reduzan a cantidade máxima de 1 millón de euros que está disposto a abonar o Concello para as obras de reforma ou mesmo as que estean dispostas a pagar un canon anual que, inicialmente, non se contempla.
As obras de reforma, unha vez adxudicado o novo contrato, teñen un prazo de execución de seis meses. Durante ese tempo, as piscinas deberán permanecer pechadas.