Semana de vixilancia de luces e pneumáticos por parte da DXT

Pontevedra
23 de outubro 2023

A Agrupación de Tráfico da Garda Civil anuncia que aumentará o control nas estradas galegas desde este luns 23 ata o 29 de outubro. Tráfico alertará destas vixilancias nos paneis de mensaxe variable situados nas vías galegas. Un 5% dos vehículos, segundo a Dirección Xeral de Tráfico, circulan con defectos graves nas rodas

Pneumático
Pneumático

A Delegación do Goberno en Galicia anuncia que desde este luns 23 ata o domingo 29 de outubro levará a cabo un plan de vixilancia intensiva para comprobar o estado dos pneumáticos e das luces dos vehículos a cargo das patrullas da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.

O operativo realízase coa chegada da meteoroloxía adversa nesta época do ano e o inmediato cambio de hora coa correspondente diminución de horas de luz natural.

Está previsto que paneis de sinalización variable situados nas estradas galegas advirtan destes controis.

En relación cos pneumáticos, a DXT lembra que son os encargados de asegurar a adherencia no empuxe, na freada e no esvaramento lateral, ademais de reducir as imperfeccións do pavimento. 

Recomendan que a profundidade da ranura alcance un mínimo de tres milímetros. O límite legal establecido sitúase en 1,6 milímetros. Tamén demandan a comprobación da presión do pneumático en frío.

O 5% dos vehículos que circulan na estrada presentan defectos graves na rodas, segundo os datos que manexan as autoridades.

Sobre as luces, a DXT sinala que non só permiten ver á persoa que conduce senón tamén ser visto. Recoméndase prestar unha especial atención ao uso, mantemento e regulación das lámpadas para conseguir luz suficiente e non cegar a outros ocupantes de vehículos polas vías.

Lémbrase que, especialmente no outono, a recomendación da DXT é que os vehículos leven as luces acesas, tamén durante o día, xa que así sempre son visibles a maior distancia.