Seres indóMITOs: Rafa Córdoba

Pontevedra
07 de xuño 2026

Entrevista de Mito Meijón a Rafa Córdoba, profesor de vocación e animador incansable, figura entrañable e icónica en Pontevedra, recoñecido polo seu humor, creatividade e paixón pola vida

Rafa Córdoba
Rafa Córdoba / Guillermo M. Meijón-Corujo

Rafa Córdoba é un deses nomes que en Pontevedra non precisan demasiadas presentacións. Profesor por vocación, animador nato e figura inseparable de festas, entroidos, disfraces e megáfonos, leva anos formando parte da paisaxe máis popular e querida da cidade. Rafa non só está: aparece, axita, contaxia e deixa lembranza. Ten esa rara capacidade de converter calquera escena cotiá en algo máis divertido, máis ruidoso e tamén máis humano.

Detrás do personaxe que tanta xente recoñece hai, ademais, unha forma moi particular de estar no mundo: a do humor entendido como linguaxe, como defensa, como intelixencia e case como unha maneira de relacionarse cos demais. Rafa déixase querer porque nunca parece impostado.

O seu descaro, a súa imaxinación e esa enerxía tan súa conviven cunha memoria moi viva da Pontevedra de antes, da infancia, dos barrios e dunha época na que todo semellaba moito máis en branco e negro. Quizais por iso resulta tan doado entender por que se converteu, co tempo, nun deses personaxes que axudan a contar unha cidade.

—Dime unha pregunta que non che gusta que te fagan.

Que me pregunten pola idade.

—Como é a túa relación con Pontevedra?

É o meu lugar de nacemento e nunca quixen marchar. Eu vivía na Parda cando A Parda estaba moito máis afastada de Pontevedra ca agora, que xa está todo unido, e a verdade é que daquela non viña moito ao centro.

Rafa Córdoba na competición URBAX Pontevedra
Rafa Córdoba na competición URBAX PontevedraPontevedraViva

—Como te definirías?

Un cachondo vivinte.

—Con que xeración te identificas máis: baby boom, X ou millennial?

Coa xeración baby boom. Identifícome con ela, aínda que é verdade que vivimos un cambio enorme: pasamos da escuridade á cor. Antes viviamos en branco e negro e agora vivimos en cor.

—Que características ten a túa xeración?

O sacrificio, o realismo e o optimismo. Creo que o realismo é unha das grandes diferenzas, porque moitas veces a xente nova de hoxe non é realista.

—O humor é unha das túas sinais de identidade. Que lugar ocupa na túa vida?

Para min o humor é algo moi serio. Comeza por un mesmo e di moito das persoas. Creo que a xente que ten humor e o comprende vale para todos os ámbitos.

—De onde vén esa relación tan túa co megáfono?

Eu creo que xa usaba un megáfono antes de ter un. Cando ía co meu pai a Pasarón a ver o Pontevedra, collía un folleto grande, dobrábao en forma de cono e facía coma se fose un megáfono. Despois, no curso 86-87, no primeiro colexio no que estiven, a ANPA mercou un megáfono que usábamos todos os profesores e aí vin clarísimo que era fundamental para min, porque podía falar sen desgañitar a voz e seguir compartindo bromas.

—Os teus disfraces son xa unha sinal de identidade. De onde sae tanta imaxinación?

Pois non me rompo moito a cabeza, pero sempre se me ocorren cousas. Ata os trinta anos tiraba moito do baúl da miña nai e agora, ademais, as miñas fillas danme moitas ideas. De feito, xa teño pensado o disfrace do entroido do ano que vén.

—Rafa Córdoba "está SEMPRE de broma". Como convives con iso?

Ben, é certo que a veces parece que, se non estou de broma, a xente pensa que estou de malas, e non é verdade. Podes pasar o día facendo bromas e, nun momento dado, poñerte serio. Incluso podes estar sempre de broma e opinar sobre temas serios, porque ás veces parece que o humor te incapacita para iso, e eu creo que non.

—Que é a amizade?

Erguer o teléfono e que te escoiten, ou que te chamen e pregunten.

—Se puideses viaxar no tempo, irías ao pasado ou ao futuro?

Cara atrás, á época dos meus estudos na Inmaculada.

—Dime unha canción coa que te emociones.

"Eso que tú me das".

—Frío ou calor?

Calor.

—Que hai despois da vida?

Máis vida.

—O último capricho que te deches?

Comer unha hamburguesa completa, caseira, con ovo á prancha, con pan do bo e en pixama.

—Cando dixeches por última vez "quérote" e a quen?

Hai pouco, ás miñas fillas, de broma.

—A quen te gustaría ver nesta sección?

A miña nai.

—E por último, que vas facer en canto remate a entrevista?

Ir dar unha volta.

Para Rafa, Pontevedra sabe a xeado de La Ibense, cheira a mimosas no entroido, é de cor laranxa e soa a palmeiras e columpios oxidados. Definitivamente, Rafa Córdoba sente Pontevedra.

Rafa Córdoba co megáfono no partido entre Cisne e Club Balonmán Soria no Municipal
Rafa Córdoba co megáfono no partido entre Cisne e Club Balonmán Soria no MunicipalCristina Saiz

O CUESTIONARIO

—Nunca saio da casa sen… un niki guai.

—Na miña neveira sempre hai… iogures.

—No meu armario destacan… os bañadores superfrikis.

—A idade é… nada importante, pero moi definitiva a partir dos 50.

—Creo en… a Garda Civil, sobre todo cando a vexo e creo que me vai parar (risas).

—O ano que marcou a miña vida foi… 1984, cando aprobei as oposicións.

—O mellor agasallo que me poden facer é… unhas deportivas.

—O meu lugar no mundo é… a praia de Aguete.

—Se non puidese vivir en Pontevedra, viviría… en Nova York.

—O meu momento favorito do día é… antes de deitarme.

—Pontevedra ten alma de… supercidade.