Seres indóMITOs: Toya Díaz

Pontevedra
09 de novembro 2025
Actualizado: 12:46

Mito Meijón entrevista a Toya Díaz, candidata á presidencia do Ateneo de Pontevedra, á fronte dun equipo maioritariamente feminino que aposta por un Ateneo aberto, plural e moi pegado á cidade

Toya Díaz Guillermo M. Meijón-Corujo

Falar de Victoria Díaz (para todos, Toya) é falar de convicción serena e de cultura como ben común. Nuns momentos chave para o Ateneo de Pontevedra, que celebra eleccións á súa Xunta Directiva, Toya irrompe cunha candidatura que combina oficio e renovación, e que sitúa a unha muller ao fronte dunha institución histórica onde o seu liderado suma e representa.

O seu equipo -maioritariamente feminino- é unha declaración de intencións: xestión achegada e transparente, máis participación, máis colaboración cos barrios e colectivos, e un Ateneo que convoque a xeracións distintas sen perder a súa memoria.

Con esa mestura de rigor e calidez que a define, Toya propón abrir portas e ventás: programación contemporánea sen esquecer a divulgación, o pensamento crítico xunto ás artes, alianzas estables e unha relación cotiá coa cidade. Non é só un programa: é unha forma de facer. E desde aí, Toya Díaz preséntase como a candidata capaz de ampliar a casa común da cultura pontevedresa.

- Dime unha pregunta que non che gusta que Te fagan.

Non me gusta que o médico me pregunte o peso (risas). Tampouco as preguntas que veñen con mala intención e das que xa notas que non interesa a resposta.

- Como é a túa relación con Pontevedra?

De nacemento e escolla. Menos cinco anos que vivín en Cáceres, sempre vivín en Pontevedra. Para min o ten case todo.

- Como te definirías?

Optimista, familiar e moi de grupo. Gústame estar rodeada de amigos e sempre estou organizando cousas para velos. Eu son moi de invitar a xente á casa.

- Con que xeración te identificas máis: baby-boom, X ou millennial? Que características dirías que ten?

Coa X: somos ponte entre o analóxico e o dixital; aprendemos a escoitar en persoa e a compartir no online, e iso axuda moito a tecer comunidade.

- Toya, que che move a dar este paso?

Móvenme o afecto e a ilusión. Nos últimos anos, grazas ós amigos, fun descubrindo a intensa vida cultural de Pontevedra, e o Ateneo de Pontevedra sempre está presente. A min nos momentos duros son tres cousas as que me salvan: a miña xente, a natureza e a cultura (literatura, música, cine, pintura, etc). Coas dúas primeiras estou en paz, á terceira debíalle algo e, mira por onde, xurdiu a oportunidade.

- "O Ateneo que latexa" é o lema elixido para presentar a vosa candidatura ás persoas socias; que queredes transmitir con el?

Que o Ateneo é máis ca unha axenda de actos: é vida compartida. "Que late" significa que hai pulso humano, conversa con respecto, curiosidade que se contaxia e ganas de volver. É un recordatorio sinxelo de que a cultura nace cando nos xuntamos e facémola entre todas e todos. É unha chamada sinxela: veña quen queira sumar, aquí hai sitio.

- Que precisa un Ateneo para latexar: persoas, ideas, espazos…?

Precísanse voces diversas que se recoñezan e se dean lugar. Ideas con columna vertebral -claras, sinxelas- para que a conversa non se perda. E uns espazos que axuden ao ritmo: entrada doada, silencio cando toca, proximidade suficiente para mirar aos ollos. Cando esas pezas encaixan, unha asociación colle pulso.

- Como queres que participe a xente socia no día a día?

Tendo todos voz e sitio. É importantísimo que cada persoa sinta que tamén é parte do latexo.

- Que é a amizade?

Lealdade, estar sempre aí.

- Se puideses viaxar no tempo, irías ao pasado ou ao futuro?

Eu me quedo no presente.

- Unha parte da túa casa que che apeteza intervir?

Darlle voltas a todo cada seis meses. Cando as miñas fillas me ven coa cinta métrica...

- Dime unha canción que che emocione.

Dúas: Momentos (J. Iglesias) e Another Brick in the Wall (Pink Floyd)

- Frío ou calor?

Frío: axuda a pensar con claridade… e a que a tertulia cun café saiba mellor.

- Que hai despois da vida?

O que recordan os demais de nós.

- O último capricho que te deches?

Un cadro dun amigo.

- Cando dixeches por última vez "quérote"? A quen?

Esta mañá, ás miñas fillas... e á miña cadela.

- A quen che gustaría ver nesta sección?

A Rafa Córdoba.

- E por último, que vas facer en canto remate a entrevista?

Vou ao cine, no Teatro Principal.

 

O CUESTIONARIO

  • Nunca saio da casa sen... móbil.

  • Na miña neveira sempre hai… un limón empezado.

  • No meu armario destaca… a comodidade.

  • A idade é… liberdade con sentidiño.

  • Sempre fun... o olliño dereito dos meus irmáns.

  • Pontevedra ten alma de… praza aberta.

  • Creo en… o traballo en equipo.

  • O ano que marcou a miña vida foi… 1999.

  • O mellor agasallo que me poden facer é… unha sobremesa longa coas persoas queridas…

  • O meu lugar no mundo é… calquera con amigos

  • Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en… Santiago, por esa conversa eterna entre rúas e cultura.

  • O meu momento favorito do día é… o serán nos soportais, cando a cidade baixa o ritmo.

  • Pontevedra… a cidade que latexa