No seu obxectivo de fomentar o lecer e o deporte para todos e a superación persoal a través de diferentes roteiros e tras completar desafíos como a peregrinación a Santiago de Compostela, o programa inclusivo Rodando, impulsado polo colectivo Amencer-Aspace en colaboración coas concellerías de Benestar Social e de Deportes de Pontevedra, ven de comezar o seu seguinte reto: completar a distancia que separa a capital galega con Fisterra.
As camiñadas desenvolveranse en cinco etapas, unha por mes (a última será en xuño).
Iniciáronse este domingo 13 de febreiro cun itinerario duns 17 kilómetros entre Santiago e Ponte Maceira, con paso por Sarela de Abaixo, Alto do Vento, Lombao, Augapesada, Trasmonte, Ponte Vella, a capela do Carme e o Pazo de Baladrón.
Sergio González e Jenner David Ludeña protagonizan este desafío de máis de 85 kilómetros. Sergio sofre parálise cerebral e Jenner, condrodisplasia metafisaria tipo Jansen.
Están previstas etapas entre Ponte Maceira e Cornado (marzo), de 15 kilómetros; Cornado e Olveiroa (abril), de 18,5 kilómetros; Olveiroa e Cee (maio), de 19,5, e Cee e Fisterra (xuño), de 15,4.
A segunda etapa, entre Ponte Maceira e Cornado, permitirá contemplar tesouros como o Pazo de Cotón, a igrexa de San Xulián, o templo de San Mamede, a paraxe do Altiño do Cotón e Vilaserío, mentres que a terceira, entre Cornado e Olveiroa, atravesará a ponte sobre o río Maroñas, Santa Mariña, o Monte Aro, o embalse da Fervenza, Abeleiroas, a igrexa de San Cristovo de Corzón e a conca do río Xallas.
O itinerario entre Olveiroa e Cee pasará por elementos patrimoniais tan fermosos como os cruceiros de Marco do Couto e A Armada, as ermidas da Nosa Señora das Neves e de San Pedro Mártir ou a igrexa da Xunqueira, mentres que o percorrido de peche desta marcha inclusiva discorrerá por Corcubión, a aldea de Vilar, Sardiñeiro, a cala do Talón, a Cruz de Baixar, a capela da Nosa Señora do Bo Suceso, a igrexa de Santa María das Areas e o espectacular contorno do Faro de Finisterre.
Todas aquelas persoas que desexen sumarse ao reto deberán inscribirse previamente a través do whatsapp 653 803 558, con prazas de balde e limitadas ata completar cupo.