Sete Espadelas homenaxea a Castelao convertendo o Teatro Principal nunha pasarela do traxe tradicional galego

Pontevedra
17 de setembro 2025

A asociación etnográfica recupera o vestiario deseñado e reflectido por Castelao na súa obra nun gran espectáculo este sábado 20 de setembro ás 20.30 horas con entrada libre

David Quiñones Vázquez e José Luis Rodríguez Álvarez, de Sete Espadelas

Este ano cúmprense 75 anos do falecemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, unha das figuras máis admiradas e polifacéticas de Galicia. Para renderlle tributo, a asociación etnográfica Sete Espadelas preparou unha homenaxe moi especial que une arte, historia e tradición.

A cita será este sábado 20 de setembro ás 20:30 horas no Teatro Principal, con entrada libre para todo o público.

Sobre o escenario, os asistentes poderán gozar dun espectáculo único que recupera o vestiario tradicional galego tal e como foi deseñado e representado polo propio Castelao na súa obra.

Non faltarán os traxes que ideou para a súa famosa peza teatral Os vellos non deben de namorarse, así como outros moitos que aparecen na súa inmensa e emotiva obra gráfica.

En total, máis de 40 traxes tradicionais desfilarán nunha auténtica pasarela da Galicia de outrora, composta por máis de 470 pezas de roupa, moitas delas orixinais e con séculos de historia.

O espectáculo inspírase na visión artística de Castelao, especialmente na súa conferencia O galeguismo na arte, onde defendía que a arte debe partir do local e o propio para alcanzar o universal.

Así, a función combinará moda, música en directo a cargo do grupo Os de Algures, e unha coidada proxección de imaxes do artista, que serán comentadas por unha voz en off para guiar ao público nesta viaxe emocional.

Unha noite para celebrar a identidade galega a través da arte, o vestiario e o legado dun dos seus grandes referentes.