Silgar xa ten prioridade peonil

Sanxenxo
15 de xullo 2020

Na tarde deste mércores quedou reaberto ao tráfico cos novos cambios aplicados polo Concello de Sanxenxo para xerar un espazo de confluencia segura entre coches e peóns nesta zona tan concorrida do municipio e que se poidan aplicar as medidas de distancia social recomendadas pola pandemia do coronavirus

Tráfico aberto en Silgar con prioridade peonil
Tráfico aberto en Silgar con prioridade peonil

O paseo de Silgar xa ten prioridade peonil. Na tarde deste mércores quedou reaberto ao tráfico cos novos cambios aplicados polo Concello de Sanxenxo para xerar un espazo de confluencia segura entre coches e peóns nesta zona tan concorrida do municipio e que se poidan aplicar as medidas de distancia social recomendadas pola pandemia do coronavirus.

A acción máis visible foi o pintado das zonas nas que os peóns agora pasan a ser preferentes. Para habilitar esta nova preferencia peonil a actuación inclúe unha capa de pintura vermella e círculos brancos para reforzar o significado da preferencia peonil.

Ademais, en toda esta zona o paso de vehículos queda agora limitado a 20 quilómetros hora de velocidade máxima.

Para tratar de reducir o paso de turismos, nos accesos do municipio instaláronse carteis luminosos onde se indica o estado de ocupación do aparcadoiro do porto, para así evitar que cando estea completo os coches sigan dirixíndose cara alí e poidan acudir a estacionamento disuasorios.