Sogama instrúe en Marín cara un consumo responsable e con menos residuos

Marín
10 de xaneiro 2018

Poñer en práctica toda unha serie de xestos cos que xerar menos lixo nos fogares e levar a cabo un consumo responsable. Ese é o espírito co que Sogama inaugurou a exposición Menos residuos, máis recursos en Marín

Inauguración da exposición "Menos residuos, más recursos" en Marín Sogama

Poñer en práctica toda unha serie de xestos cos que xerar menos lixo nos fogares e levar a cabo un consumo responsable. Ese é o espírito co que Sogama inaugurou a exposición Menos residuos, máis recursos en Marín.

A mostra foi visitada pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, que estivo acompañada polo presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino.

Promovida por Sogama, en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a exposición situouse na alameda, onde permanecerá ata o 14 de xaneiro. Está integrada por varios tótems e un panel central nos que se difunde, a través de textos e imaxes, diversos consellos e recomendacións. 

A pretensión é trasladar ao cidadán a importancia da prevención e a redución como principal soporte na xestión sustentable dos residuos, que en todo caso deben ser complementadas coa reutilización e a reciclaxe.

Isto último só é posible, destacan desde Sogama, se tivo lugar unha separación previa dos distintos materiais presentes no lixo e posterior depósito dos mesmos nos colectores adecuados.

Comprar con cabeza e facer unha lista previa do que realmente se precisa, optar por produtos locais e de tempada, dar preferencia aos bens de longa duración e con posibilidades de ser reparados ou recuperar o tradicional carro da compra e levar a bolsa de casa son algúns dos consellos que traslada esta mostra.

Ademais, propoñen evitar os sobreempaquetados e adquirir artigos a granel, doar a roupa usada a entidades sociais, apostar por pilas recargables, comprobar a data de caducidade dos produtos perecedoiros, revisar a neveira e a despensa, axustar as racións ao número de comensais ou aproveitar as sobras para a elaboración de novos menús.

Con estes sinxelos xestos, sinalan desde Sogama, os cidadáns de Marín poderán contribuír, desde a responsabilidade, a un futuro máis sustentable, propiciando o tránsito desde unha economía lineal a unha circular que garanta a preservación dos xa escasos e limitados recursos naturais.