O Concello de Soutomaior presentou este venres a súa nova páxina web, na que unifica e mellora as funcións das dúas páxinas exixentes até agora e permite dispor dos servizos e trámites municipais nunha única plataforma.
O alcalde, Manu Lourenzo, xunto ao concelleiro de TIC, Diego Moreira, destacaron a importancia desta nova ferramenta dixital, que nace co obxectivo de axilizar os procesos e reducir os trámites administrativos.
A nova web, que mantén o dominio soutomaior.gal, caracterízase polo seu deseño intuitivo, a súa estética limpa e a súa fácil navegación.
Con esta iniciativa, o Concello busca facilitar a vida dos veciños e veciñas, optimizando a xestión administrativa e mellorando a comunicación co concello.
De feito é que esta nova plataforma unifica todos os servizos municipais, desde a sede electrónica até a axenda de eventos. Deste xeito, os usuarios poderán realizar trámites administrativos de forma máis sinxela e rápida, consultar dúbidas e estar ao día das últimas novidades.
Segundo o alcalde, esta nova páxina web supón un salto cualitativo na comunicación cos veciños, que poderán realizar as súas xestións de forma fácil e rápida, sen necesidade de desprazarse até as oficinas municipais.