O Concello de Soutomaior organiza o primeiro Mercado de Oportunidades e de Segunda Man.
A concelleira de Hostalería, Comercio e Promoción Económica, Rosana Comesaña, presentou esta iniciativa que pretende ofrecer un escaparate ás persoas e comercios para que poidan amosar os seus produtos e aumentar as súas ventas.
O obxectivo tamén é dinamizar o sector económico e á vez crear ambiente de barrio, propiciando un "espazo de encontro entre a veciñanza e as persoas visitantes, para desfrutar dunha xornada de lecer e coñecer todos os recursos cos que conta o concello".
Neste Mercado poderán participar comercios locais e, tamén, persoas particulares que desexen vender outros accesorios de segunda man para darlles unha nova vida.
Xa está aberto o prazo de presentación de solicitudes que rematará o mércores 14 de maio.
REFORMA POLÉMICA
Este mercado desenvolverase o día 18 de maio na Alameda de Talo Río, un espazo que o goberno local quere reformar cun proxecto que o Partido Popular rexeita porque entende que converterá a rúa Rosalía de Castro nunha vía de sentido único.
O Partido Popular considera este cambio unha "aberración que dificultará aínda máis o tráfico nunha zona especialmente sensible en determinados momentos do día", afectaría tamén o tráfico da avenida Xosé Solla ao converterse na principal entrada de vehículos ao centro de Arcade, segundo explican.
O PP sinala que o goberno local pediu unha subvención de 700.000 euros á Deputación de Pontevedra "para renovar un espazo que se atopa en boas condicións".