A Subdelegación de Defensa celebra o seu día en Pontevedra

Pontevedra
09 de maio 2025
Actualizado: 20:06

Como é costume impuxeron diversas condecoracións a persoal civil e militar da Subdelegación e entregáronse os premios do concurso literario escolar "Carta a un militar español"

Acto do Día da Subdelegación de Defensa
Acto do Día da Subdelegación de Defensa / Mónica Patxot

Este venres 9 tivo lugar o tradicional acto institucional do "Día da Subdelegación de Defensa en Pontevedra", que se celebra con carácter anual nas súas instalacións do Paseo de Cervantes, na Alameda.

O acto foi presidido polo delegado de Defensa en Galicia, capitán de navío Jesús Ángel Paz Pena, e contou coa presenza de autoridades civís e militares da provincia.

Como é costume nesta ocasión tamén se impuxeron diversas condecoracións a persoal civil e militar da Subdelegación. Este ano, o tenente coronel Sergio Díez, a capitá Vanesa Carballido e o cabo maior Fernando Méndez recibiron condecoración.

De igual modo, procedeuse á entrega de diplomas acreditativos a nove reservistas voluntarios.

Pero, sen dúbida, este acto ten sempre un protagonismo moi especial, o das finalistas da fase provincial da décimo segunda edición do concurso literario escolar "Carta a un militar español".

A alumna Jimena Novegil Pastoriza, de cuarto da ESO do Colexio La Inmaculada, de Marín, foi a gañadora provincial do certame cunha misiva, que leu no transcurso deste acto a propia alumna, na que trataba as funcións das Forzas Armadas en resposta a desastres naturais, emerxencias e catástrofes, onde a súa participación é vital, debido a súa capacidade loxística, organización e recursos que poden mobilizar rapidamente en situacións de crises.

No seu discurso, o subdelegado de Defensa en Pontevedra, coronel Miguel Cortés Calvo, destacou a figura do Reservista Voluntario como exemplo de "vocación de servizo". Felicitou os distintos condecorados e agradeceu o seu labor.

Igualmente, puxo en valor a colaboración da Subdelegación con distintas institucións civís e militares, exemplificado no convenio recentemente formalizado entre o Ministerio e o Concello de Pontevedra para a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbanística que permitiu o desenvolvemento dos ámbitos de Mollavao Norte e Antero Rubín/María Vitoria Moreno, cuxos correspondentes plans de urbanización e parcelamento xa foron presentados.

Na mesma liña, Miguel Cortés sinalou que se retomaron os traballos co Concello de Marín para a firma dun novo convenio que "harmonizará os obxectivos indicados con beneficios para todas as partes".