Substituirán os valos de obra da cuberta do Gafos por un valado provisional "máis estético e seguro"

Pontevedra
01 de abril 2022

Desenvolvemento Sostible destina máis de 28.000 euros á substitución dos actuais valos de obra do Paseo de Valle-Inclán por un valado provisional máis estético e seguro e á creación de diversas zonas de paso entre a marxe dos colexios e a de Iglesias Vilarelle

Paseo que tapa o río Gafos
Paseo que tapa o río Gafos / PontevedraViva

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, vén de asinar o documento de contratación das obras que permitirán substituír os actuais valos de obra que protexen o perímetro do Paseo de Valle-Inclán, no parque de Campolongo, por un valado máis estético e seguro, de metro e medio de altura.

As actuacións, que serán executadas pola firma Construcciones Obras y Viales SA, (Covsa) contan cun orzamento de 28.421 euros e suporán a creación de diversas zonas de paso intermedias por lugares seguros para conectar a rúa Iglesias Vilarelle coa senda que se fixo polo lado do colexio de Campolongo e a Escola Crespo Rivas, evitando ter que rodear toda a área valada e mellorando a mobilidade. 

Ademais, tal e como explicou Iván Puentes "esta intervención completarase coa extensión da actual senda desde a EEI Crespo Rivas ata a zona final da Praza da Constitución e coa construción dunha senda semellante a esta polo lado de Iglesias Vilarelle, de xeito que, en conxunto, poderemos recuperar a mobilidade por ámbalas marxes da canle do Gafos entre a Praza da Constitución e Xeneral Rubín, con conexións intermedias". 

En paralelo, a Concellería de Desenvolvemento Sostible destinou outros 19.877 euros a un proxecto de mellora integral de toda a Praza da Constitución e o contorno do parque infantil de Campolongo, incluíndo a nivelación do pavimento e eliminación de fochas, a mellora das canalizacións de augas pluviais, o pintado de diversos elementos e a reparación e limpeza de bancos e mobiliario (xa foron restaurados tódolos bancos do contorno da igrexa e mailo parque infantil). 

Este último contrato, adxudicado á firma Garocaprim SL, tamén contempla a instalación dunha vintena de novos bancos no propio Paseo de Valle-Inclán, a Praza da Constitución e a zona do paseo que discorre despois de Iglesias Vilarelle, segundo petición expresa dos veciños de Campolongo.

Puentes asegurou que "á espera de que se lle poida dar a solución definitiva que todos agardamos", a través do proxecto para destapar e restaurar ecoloxicamente o treito urbano do río dos Gafos "manteremos a actual 'tapa' da canle valada, nas mellores condicións estéticas e de seguridade". 

Neste sentido, Iván Puentes indicou que o Concello xa ten asinado o contrato co Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) "e o único trámite burocrático que queda pendente é notificarllo oficialmente para que poidan poñer a maquinaria a funcionar" e lanzar o concurso internacional de ideas "algo que agardamos facer nos vindeiros días".

Para este proxecto o Concello solicitou axudas de financiamento por valor duns 4 millóns de euros.

Puentes lembrou que o concurso de ideas para a recuperación e restauración ecolóxica do tramo urbano soterrado do Gafos "permitirá seleccionar a proposta gañadora, isto é, a adxudicataria do primeiro premio, que será a redacción do proxecto de execución da actuación".