Turismo de Sanxenxo porá en marcha a partir da próxima semana un novo produto gastronómico co que pretende resaltar a importancia e as calidades dos produtos do mar autóctonos "que combinados coa profesionalidade dos restauradores locais constitúen unha oferta inmellorable que se suma aos outros atractivos deste destino turístico de primeira orde", afirmou a concelleira delegada desta materia, Almudena Aguín.
Sanxenxo na ríacomezará o venres 26 e estenderase ata o próximo día 5 "co que aqueles visitantes que se acheguen ao municipio na ponte de maio terán a oportunidade de degustar pratos elaborados con peixes e mariscos da zona a un prezo especial", apuntou a concelleira de Turismo.
Serán un total de doce os establecementos nos que se desenvolverán estas xornadas gastronómicas que buscan potenciar a imaxe de calidade dos produtos desde a súa orixe, como o Restaurante Sabino, que ofrecerá 'choquitos con vinagreta na súa tinta e crema de pataca' o Gran Talaso Hotel, onde os usuarios poderán degustar 'suprema de merluza rechea de mariscos e pataca confitada' O Recuncho dos Barcos que presentará un 'niño de ameixas da ría con ovo de pita' ou o Asador A Ferreira que incluirá as propostas 'brochetas de San Martiño con vieiras' e 'coruxo en salsa verde con gambas e ameixas'.
Pola súa banda, o restaurante asador Ollares da Ría cociñará 'polbo á brasa con espuma de pataca' e 'mero ao forno con pataca panadeira' A Taberna do Varadoiro preparará 'cazola de peixe ballesta ao viño albariño con patacas e guisantes' e 'ragú de cazón con boletus primavera' e o Restaurante Carmen 'navallas á mariñeira de San Tomé' e 'merluza ao Albariño con cruxinte de jamón'.
A oferta de Sanxenxo na ría estará conformada tamén polo mesón restaurante Xerfa e a súa 'milfollas de polbo da ría con queixo San Simón' e a 'cazola de peixes e mariscos variados' o Hotel Oca Vermar con 'ameixas babosa en salsa mariñeira' Me da igual Café con 'pimientos de piquillo recheos de buei con salsa de gambas' e o mesón Burás cunha 'cazola de peixe' e con 'delicias de mar'.
Para fomentar a afluencia de público nestas xornadas e complementar a oferta de lecer, Turismo de Sanxenxo obsequiará aos clientes que acudan a Sanxenxo na ríacon acceso gratuito ás Visitas Guiadas pola vila de Portonovo, tanto en horario de mañá como de tarde, para o que tan só deberán presentar o ticket ou a factura da consumición nas súas oficinas, situadas no Porto Deportivo Juan Carlos I.
Ademais, a empresa mixta deseñará un folleto dixital -que será presentado nos próximos días- e que conterá os datos de todos os establecementos que conforman esta acción. A información será remitida ás oficinas de turismo de Galicia, norte de Portugal, aos municipios integrantes da Asociación Villas Marineras, ás axencias de viaxe do norte de España e de Portugal e aos hoteis de Sanxenxo e divulgarase tamén nas redes sociais e nos medios de comunicación.