O Concello de Poio celebrou este luns a III Gala da Hostalería, unha cita que reuniu no Pazo de Colón a profesionais do sector para recoñecer o seu labor e pór en valor a gastronomía do municipio.
Durante a cita entregáronse os premios da terceira edición de TapeaPoio, tanto os concedidos polo xurado como os outorgados polo público, ademais de sortear máis de 60 galardóns entre as persoas participantes. En total, repartíronse preto de 10.000 euros en premios, achegados por empresas e colectivos locais.
Un dos momentos destacados da gala foi a entrega do I Delantal de Honra a Amelia González, cofundadora de Casa Solla, en recoñecemento á súa traxectoria e ao seu papel pioneiro na gastronomía galega.
O alcalde, Ángel Moldes, subliñou que "era de xustiza homenaxear a esta pioneira e referente que, desde a discreción e o seu traballo constante, contribuíu a construír unha historia de éxito da que Poio sente profundamente orgulloso".
O rexedor tamén puxo en valor a evolución de TapeaPoio, que nesta edición rexistrou un incremento do 30% no consumo, con preto de 7.000 tapas servidas, para cosolidarse "como unha das grandes citas gastronómicas do municipio".
En canto aos galardóns, o xurado experto, integrado polos chefs con estrela Michelin Xosé Cannas (Restaurante Pepe Vieira) e Pepe Solla (Restaurante Casa Solla), a consultora Marga Pazos (Salmoira) e o creador de contido Alberto Rivas (Alvientoo), premiou a Casa Ces coa mellor tapa tradicional por 'O cordeiro é a pera', e a Evoca coa mellor tapa creativa por 'Robaliza na primavera'.
Os premios do Público nas dúas categorías, creativa e tradicional, recaeron en Casa Ces, mentres que os segundos premios foron para Bocoi, con "Fabas con pulpo" e Lameiriña, con "Zamburiña gold", respectivamente.