PODCAST.- Eles teñen as súas teimas e ti tamén, así que únete a 'Boomer o último', JLo fíxoo

Pontevedra
20 de abril 2025

Que fai Jennifer López neste episodio de 'Boomer o último'? Escoita ou descarga para saber que lles ocorre a Marcial Outeda e Jesús Fontanes coa diva latina e de paso, descobre se tedes teimas comúns

'Boomer el último' fala de teimas... ¿de JLo?
'Boomer el último' fala de teimas... ¿de JLo? / PontevedraViva

En psicoloxía, TOC é o acrónimo de trastorno obsesivo compulsivo. Sen chegar ao trastorno, nesta edición do podcast 'Boomer o último' Jesús Fontanes e Marcial Outeda confesan os seus comportamentos repetitivos, as súas teimas, accións reiteradas que non poden evitar.

Non soportas unha porta de armario aberta? As tapas do xel, do champú, do lavalouzas sempre tes que deixalas pechadas? Volves comprobar que pechaches a porta con chave a pesar de saber que o fixeches? Apagas a radio do coche cando vas aparcar? Aplaudes o piloto cando o teu avión aterrou?

Por si non chegaban, as tecnoloxías e dispositivos tamén veñen con comportamentos repetitivos: Sempre saltas as intros das series no streaming? Cando non están a se usar, tes que desconectar todos os cargadores? Non es capaz de saír de casa sen unha porcentaxe mínima de batería no móbil? Tes perfectamente ordenado o escritorio do teu pc ou a pantalla do teléfono?

Unha hora e media de retranca, aínda que tamén advertimos: Este é o único podcast cuxo contido comeza media hora despois de empezar. Como é posible?

É posible porque a actualidade dos últimos días aínda retumba nas mentes de Marcial e Jesús. Desencaixados seguen tras saber que Jennifer López estará a actuar en directo en Pontevedra e que será a diva latina e non un espectáculo tributo quen visite esta cidade.

E aínda hai máis, as estrelas do verán anunciadas téñenos nun sinvivir, como eles mesmos narran neste podcast aloucado, cheo de teimas, de anécdotas e de sentido do humor.

Lembra que este podcast pode resultar prexudicial para a saúde; principalmente se o organismo non está preparado para altas doses de retranca.