Temor aos primeiros síntomas de mildio co crecemento de gromos nas viñas das Rías Baixas

Pontevedra
13 de abril 2022

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, lanzou un novo aviso fitosanitario para os viticultores ante o tempo húmido destes días. Ademais tamén alerta sobre a actividade da bolboreta do buxo, que se verá favorecida polas temperaturas previstas nas vindeiras xornadas

Presenza de caracois nas viñas
Presenza de caracois nas viñas / Estación Fitopatolóxica do Areeiro - Deputación de Pontevedra

Novo aviso fitosanitario da Estación Fitopatolóxica Areeiro na que alerta sobre o crecemento dos gromos nas viñas e a posible aparición dos primeiros síntomas de mildo, como consecuencia do tempo húmido que se rexistra nas Rías Baixas durante estas xornadas. 

Este aviso do centro dependente da Deputación de Pontevedra céntrase no estudo do crecemento deses gromos. Este aumento é desigual nos distintos predios porque os viñedos revisados ofrecían diversas circunstancias. Ao redor do 75% das viñas atopábanse estendendo as follas; o 20% ofrecen brotes de menos de cinco centímetros e o 5% restante corresponde a brotes terminais de dez ou máis centímetros, no caso das viñas máis abrigadas e protexidas do vento.

Recomenda incrementar a vixilancia sobre o mildio. Coa chegada do bo tempo temen que aparezan as primeiras manchas nalgunhas das viñas que teñen os brotes xa crecidos. No caso de non facerse o seguimento, desde o Areeiro consideran acertado aplicar o primeiro tratamento nas leiras máis desenvolvidas mentres que no resto é preferible agardar. Desde a Estación tamén advirten da aparición de caracois en varias viñas, tanto na madeira como nas follas que se atopan en desenvolvemento.

A alerta tamén afecta á presenza da bolboreta do buxo. A mellora das condicións climáticas nas próximas xornadas favorecerá que as  orugas que se atopan nesta especie incrementen a actividade e provoquen máis danos