Temporal de mar de nivel laranxa no litoral

Pontevedra
11 de xaneiro 2013

O temporal dará comezo o sábado ás 21,00 horas no noroeste e oeste coruñés e estenderase ao resto da costa galega con ondas de entre 4 e 5 metros de altura. O Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia,  informou da situación aos concellos galegos, ás Deputacións, servizos provinciais e asociacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos das tres provincias, entre outros.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza alerta dun temporal de mar de nivel laranxa que afectará ao litoral das tres provincias costeiras galegas, a partir da noite do sábado 12 de xaneiro.

Segundo as predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), espérase que a partir das 21.00 horas do sábado se produza no noroeste e oeste da Coruña un fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa con mar de fondo do noroeste e ondas que poderán oscilar entre os 4 e 5 metros de altura. Así mesmo, haberá mar moi grosa en todas as zonas costeiras. O fenómeno estenderase a partir da medianoite á costa da Mariña lucense e cara as 02.00 horas ao suroeste da Provincia da Coruña e ao litoral da de Pontevedra.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia,  informou da situación aos concellos das tres provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e asociacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos das tres provincias, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.
 
Tamén recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do 112, que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.