O paso do temporal Herminia deixou nas estradas pontevedresas 34 incidencias en 24 horas, entre as seis da mañá do domingo e a mesma hora do luns.
Así o deu a coñecer este luns o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, que fixo balance do paso do temporal.
Das 34 incidencias detectadas, 13 foron accidentes con vehículos implicados e o resto caídas de árbores e, en menor medida, outros elementos.
Losada indicou como "única incidencia reseñable" a rexistrada sobre as 15.30 horas do domingo na autoestrada AP-9 en Vilaboa, cando unha árbore caída afectou ao tráfico en dirección a Vigo.
Un axente da Garda Civil do destacamento de Tráfico en Vilaboa trasladouse á zona para regular o tráfico e resultou ferido ao ser golpeado na cabeza por unha rama de eucalipto. Foi trasladado grave ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Abel Losada sinalou que "a árbore bateu primeiro contra o vehículo da Garda Civil de Tráfico e amortiguou o impacto". O axente estaba de pe "organizando un dispositivo de sinalización".
O subdelegado fixo un "recoñecemento explícito" ao "gran traballo realizado" por este axente e pola Garda Civil de Tráfico, os policías locais e o persoal de emerxencias.
Entre os sucesos rexistrados tamén figura a caída de 2 káyaks na ponte de Rande na AP-9 a última hora da tarde do domingo, procedentes dun vehículo.
O máximo responsable do Goberno na provincia quixo "enviar unha mensaxe" a todas as administracións e "por en valor" a importancia dos traballos de roza e tala de árboles nas zonas de servidume das estradas.
"Este tipo de temporais volve poñer de manifesto unha vez mais a importancia de que as marxes das vías de comunicación estean limpas de vexetación, especialmente de árbores de gran altura como os eucaliptos", destacou, pois considera que "non convén baixar os brazos porque falamos dunha cuestión básica para a seguridade viaria cando se presentan episodios meteorolóxicos tan adversos como o que estamos a pasar".