Todo listo na Pomada para o reinicio do lecer nocturno este sábado

Pontevedra
11 de xuño 2021

Este pub da Praza do Teucro é un dos seis locais elixidos pola Xunta en Galicia para levar a cabo próbaa piloto que servirá para organizar a reapertura deste sector que leva pechado case un ano pola pandemia

Dani Lorenzo, propietario do pub La Pomada
Dani Lorenzo, propietario do pub La Pomada

Este sábado, a partir das 21 horas, regresa o lecer nocturno. Será con horario e aforo limitado e a través dunha proba piloto que servirá para planificar a reapertura destes locais, que levan pechados pola pandemia desde o verán do 2020. En Pontevedra, o experimento realizarase no pub A Pomada que xa ten todo listo para dar cabida ás 45 persoas seleccionadas para gozar da volta á actividade destas salas de festas.

A selección dos asistentes realizouse, no caso do local de Dani Lorenzo, presidente de Hoempo, a través das redes sociais. As 45 primeiras persoas, o 50 % do aforo interior do pub, en enviar unha mensaxe ao perfil da Pomada en Instagram foron as elixidas para participar na proba piloto. Unha vez realizada a selección, os asistentes recibiron unha citación do Sergas para a realización dunha proba PCR, cuxo resultado debe ser negativo para poder participar na proba piloto.

Non é o único requisito que deben cumprir os participantes. Á hora de acceder ao local hai que respectar a distancia de seguridade de 1,5 metros. Ademais, haberá un porteiro ao que deberán mostrarlle o DNI e o resultado negativo da PCR. Haberá tamén xel hidroalcohólico nos accesos para a obrigatoria hixiene de mans.

Xa no interior do local, haberá persoal do pub sinalando aos asistentes onde colocarse para evitar aglomeracións e repartilos por todo o local. Os grupos non poderán ser superiores a 6 persoas e é obrigatorio respectar a distancia de seguridade, de polo menos un metro e medio, co resto de grupos.

O uso da máscara é tamén obrigatorio e só poderá baixarse no "preciso instante de beber, a continuación hai que volver subirlla", remarca o propietario.

En cada un dos aseos tampouco poderá haber máis dunha persoa ao mesmo tempo. 

Dani Lorenzo, dono do pub, está seguro de que todos os clientes respectarán as normas de forma escrupulosa e anima a todos os asistentes a "gozar ao máximo para que sexa o comezo do baile".