Todo listo para repartir 8.000 composteiros no rural pontevedrés

Pontevedra
17 de xaneiro 2019

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, xunto co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Federación Rural Galega (FRUGA), Xurxo Álvarez, asinaron este xoves un convenio de colaboración para o seguimento dos 8.000 composteiros individuais que se repartirán no municipio da capital ao amparo do Plan Revitaliza

A Deputación asina un convenio co  Concello de Pontevedra para repartir no rural 8.000 composteiros individuais
A Deputación asina un convenio co Concello de Pontevedra para repartir no rural 8.000 composteiros individuais / Mónica Patxot

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, xunto co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Federación Rural Galega (FRUGA), Xurxo Álvarez, asinaron este xoves un convenio de colaboración para o seguimento dos 8.000 composteiros individuais que se repartirán no municipio da capital ao amparo do Plan Revitaliza.

César Mosquera destacou que "é a primeira vez que nunha cidade van despregar composteiros individuais", cos seus aireadores e termómetros, que o Concello xa ten contratados para distribuír nas 15 parroquias do rural pontevedrés ata maio do ano 2020.

A repartición comezará polas de Salcedo, Tomeza e Campañó onde xa se realizaron experiencias piloto e "existe demanda e interese por parte dos veciños". A recepción dos composteiros será voluntaria.

O alcalde Fernández Lores subliñou que na totalidade do rural pontevedrés vai implantar este modelo de tratamento dos biorresiduos o que supón que "o 100% do orgánico das parroquias póidase recoller, tratar e fabricar compost" e iso vai significar que "Pontevedra como cidade vai ser unha das poucas, senón a única, que está en condicións de cumprir as directivas da Unión Europea para 2023" nas que se obriga a reciclar, tratar e recuperar o 50% dos residuos sólidos urbanos. "Tentaremos que sexa máis", engadiu.

O vicepresidente e o alcalde coincidiron en sinalar que este é un proxecto "pioneiro en Galicia, no Estado e mesmo en Europa", e admitiron que "a todos gustaríanos ir máis rápido" coa implantación deste sistema pero "queremos facer as cousas ben" e iso aconsella ser "metódicos" e facer un "seguimento exhaustivo" de cada un dos pasos que se están dando.

O convenio asinado está dotado de 400.000 euros e ten unha duración de dous anos. Durante este período o persoal da Fruga, entidade gañadora do concurso público convocado pola Deputación, dará charlas e fará un seguimento individual de cada composteiro, explicando o funcionamento e corrixindo posibles disfuncións.

Fernández Lores apuntou que "non estamos a facer nada que non se fixese historicamente no noso país" xa que no rural "sempre se aproveitou todo o aproveitable" polo que "todo isto é unha volta ao sentido común e a responsabilizar aos cidadáns de que o lixo é cuestión de todos" e que "non é pagar unha cota e que mo quiten de encima", dixo o alcalde.