Todo preparado en Soutomaior para gozar dun Nadal "para todo o mundo"

Soutomaior
05 de decembro 2025
Actualizado: 20:43

A vila inaugurará o seu Nadal este sábado, entre outras actividades, co espectáculo 'Conto de Nadal' de Troula, o acendido das luces ou o espectáculo musical Orquestra de Camarote Band

O alcalde, Manu Lourenzo, visitando o alumeado de Nadal
O alcalde, Manu Lourenzo, visitando o alumeado de Nadal / Concello de Soutomaior

A carpa instalada na Alameda de Talo Río será o escenario no que este sábado 6 de decembro, ás 18:30 horas, Soutomaior acenderá as luces do seu Nadal.

O mal tempo non influirá na programación, segundo garantiu o alcalde, Manu Lourenzo, que destacou que este sera un Nadal "para vivir en Soutomaior", con actividades "para todo o mundo" e para vivir no comercio e na hostalería local.

"Queremos que todas as veciñas e veciños do concello e todo aquel que desexe visitar este concello goce moitos destes días", subliñou Lourenzo.

Na tarde do sábado, a actividade comezará xa ás 16:30 horas co mercado das ANPA do IES Soutomaior, do CEIP Manuel Padín Truiteiro e do CEIP de Ponte Sampaio.

Todos os cartos recadados neste mercado será para axudar a estas alumnas e alumnos a financiar súa excursión de fin de curso.

A esa mesma hora comezará tamén o obradoiro de adornos naturais para a árbore de Nadal e, a continuación, chegará o espectáculo de rúa 'Conto de Nadal' da compañía Troula.

O acendido das luces, ás seis e media da tarde, terá como protagonistas á Asociación Bicos de Papel, que representa a familias que pasaron ou están pasando pola experiencia de ter unha filla ou fillo con cancro. Eles serán os encargados de dar o pistoletazo de saída a este Nadal.

O acendido de luces chegará un ano máis a todos os barrios de Soutomaior e, neste ano, ampliouse a súa extensión a outras zonas do concello.

O obxectivo do goberno municipal é ampliar cada vez máis este alumeado e chegar a todos os puntos da vila.

Coas luces xa brillando, a diversión seguirá en Talo Río co espectáculo musical 'Orquestra de Camaronte Band' para a cativada, a partir das 19:30 horas, onde ademais haberá chocolatada de balde para todas e todos os que o desexen.

Arquivado en