Os traballadores de Circet Infraestruturas de Telecomunicaciones S.A levaron a cabo este xoves unha concentración ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra para expresar o seu rexeitamento ao ERE de extinción presentado pola empresa, que en Galicia suporía o despedimento de 118 persoas.
Durante a concentración aseguraron que o único obxectivo da empresa é "precarizar as condicións laborais no sector".
Tamén sinalaron a responsabilidade de Telefónica neste conflito xa que, o pasado mes de xullo, o contrato con Movistar foi comprado por Circet previa autorización do Goberno do Estado.
Ademais de Movistar, Circet é unha compañía concesionaria en Galicia da operadora Vodafone e ten clientes como a Xunta de Galicia, o SERGAS, Educación, Emerxencias, Defensa e outras administracións estatais e locais.
Esta semana os traballadores intensificaron a mobilización con tres días de folga e para a próxima teñen convocados novos paros para os días 4 e 5 de decembro, coincidindo coa data na que finaliza o período de consultas.
Segundo indicou o sindicato CIG, a folga está a rexistrar un seguimento de "practicamente o 100% do persoal en toda Galicia".
Este calendario de protestas desenvólvese de maneira paralela ás reunións do ERE que teñen lugar en Madrid.
A CIG-Industria insiste en que non existen causas organizativas, produtivas ou económicas, tal e como xustifica Circet, para aplicar este despedimento colectivo e aseguran que o verdadeiro obxectivo deste ERE non é outro que "avanzar na subcontratación" para "obter aínda maiores marxes de beneficios a conta da explotación laboral".