Transportes envía ao Concello de Caldas toda a documentación do proxecto da Variante Oeste

Umia
17 de xullo 2025
Actualizado: 17:28

O alcalde, Jacobo Pérez, solicitou unha reunión coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra para analizar todos os detalles da actuación

O Concello de Caldas recibiu os planos da Variante Oeste

O Concello de Caldas de Reis vén de recibir este xoves toda a documentación sobre o proxecto do ramal que conectará as estradas N-550 e N-640, coñecida coma Variante Oeste.

Esta infraestrutura está deseñada polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible co obxectivo de reducir de xeito drástico o volumen de circulación de vehículos que atravesa o núcleo da vila termal, especialmente no que se refire ao tráfico pesado.

O alcalde, Jacobo Pérez, e os técnicos municipais fixeron unha primeira revisión da documentación remitida polo Goberno central.

O rexedor socialista adiantou que o Concello está pendente de manter unha reunión co subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, que xa foi solicitada para analizar con máis detalle un proxecto "ambicioso e complexo", que resulta "chave para a seguridade viaria na vila".

"Estamos a falar dunha obra moi importante, que suporá un antes e un despois para o noso municipio e que porá solución á necesidade de habilitar un desvío que servirá especialmente para evitar que o tráfico pesado teña que adentrase no centro de Caldas", indicou Pérez.

O alcalde sinala que este ramal, que contará con 8 quilómetros de extensión, servirá para completar a circunvalación de Caldas de Reis.

Pérez Gulín tamén quixo expresar o seu agradecemento ao Ministerio por ter en conta unha das peticións realizadas polo Concello cando se iniciou toda a tramitación correspondente a este proxecto, como foi a dotación dunha parada na estrada con Portas.

"Foi algo que solicitamos cando se estaba cos estudos iniciais e para nós é moi importante que se inclúa na actuación", explicou o alcalde, que confía en que a reunión co subdelegado poida celebrarse o antes posible.